EFE. A Unión Xeral de Traballadores (UXT) instou ao Goberno central a que “aprobe canto antes” un estatuto para as industrias electrointensivas que “garanta” a empresas como Alcoa un prezo “competitivo” da enerxía.
O sindicato celebrou este venres en Oviedo unha rolda de prensa na que participou o secretario xeral, Pepe Álvarez, e membros das seccións sindicais das plantas de Alcoa de Avilés, A Coruña e San Cibrao, entre eles o presidente do comité europeo, José Luis Combarro. Os participantes analizaron a situación da multinacional e dos compromisos sucritos tanto por parte do Executivo como da compañía.
A UXT afirmou que non vai admitir que o Goberno e Alcoa “se escuden nos prazos” para incumprir os acordos alcanzados co obxectivo de impedir o peche das plantas de Avilés e A Coruña e advertiu que recorrerá á mobilización e á vía xurídica para que se respeten.
AMPLIAR OS PRAZOS
Álvarez lanzou esta advertencia e pediu ao novo Goberno que aprobe “canto antes” o estatuto para as electrointensivas, retrasado polas eleccións xerais do 28 de abril, e aos grupos parlamentarios “que se comprometan coa súa ratificación” para dar garantías aos posibles investidores dun prezo competitivo da electricidade, o principal coste para este tipo de industrias.
Ese retraso non pode ser, asegura o secretario xeral da UXT, “un impedimento” para que os acordos comprometidos se cumpran, aínda que sexa fóra de prazo, para poder adxudicar as dúas plantas a un ou varios investidores.
Os sindicatos, insistiu Álvarez, non van aceptar “ningunha excusa” que avale posibles incumprimentos e engadiu que, se teñen que mobilizarse, farano “sen agardar ao último día de prazo“.
“TODOS TEÑEN ALGO QUE PERDER”
Tamén advertiu de que neste proceso “todos teñen algo que perder“, ademais dos traballadores, porque no tocante ao Goberno “está en xogo a súa credibilidade” e Alcoa ten en contra “elementos xurídicos abondos” como para mirar cara outro lado.
O dirixente de UXT recoñeceu que os acordos foron arrancados ao Goberno “a regañadentes” pero que, tras un período electoral no que se falou do cambio produtivo e a transición ecolóxica, “non imos permitir que se olviden deles”.
España ten que tomar medidas para que o prezo da enerxía non sexa diferente ao de Alemaña ou Francia e a Unión Europea tamén ten que utilizar os aranceis para protexer as súas industrias, dixo.
PACTOS
Os acordos pactados pasan por abrir un prazo, que remata o 30 de xuño, para atopar un posible investidor nas dúas plantas que Alcoa pretende pechar e que dan emprego a 686 traballadores.
A multinacional estadounidense, lembra a UXT, comprometeuse a destinar 20 millóns a cada unha das fábricas para arrancar as cubas de electrolise se se atopaba un comprador, mentres que o Estado, entre outros puntos, prometeu aprobar un estatuto para as industrias electrointensivas que garantise aos investidores un prezo competitivo da enerxía.
COMPENSACIÓNS POR CO2
Tal e como anunciara, o Goberno publicou no Boletín Oficial do Estado (BOE) a primeira parte do orzamentado –91 millóns de euros– en concepto de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (CO2), un presuposto que o Executivo se comprometeu a ampliar “nos vindeiros días” a 200 millóns, o tope permitido pola Unión Europea.
Comisións Obreiras (CC OO) valora que “esta cantidade é sete veces superior ao que supuña o estatuto electrointensivo” e insiste na necesidade de “eliminar peaxes á industria electrointensiva”, “lexislar sobre os acordos bilaterais subministrador-consumidor (PPA)” e de crear “un plan de investimentos“.