Contratos medios de máis de doce meses, con salarios medios mínimos de 25.000 euros brutos anuais e máximos cercanos aos 90.000. Catorce traballadores por buque. Máis de 30 millóns de euros en soldos. Son algúns dos datos que ofrece o estudo sociolaboral da frota de media altura de Burela, presentado na tarde do pasado xoves na xornada inaugural da Feira Náutico-Pesqueira Expomar.
Iván Vaqueiro, director de desenvolvemento de Sinerxia Plus, expuxo nas xornadas técnicas da feira as principais conclusións do estudo, encargado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) e Armadores de Burela (Absa) e elaborado pola firma.
CASE 40 ENQUISAS
A enquisa realizouse nos exercicios 2017 e 2018 entre 39 empresas de diferentes artes, incluídas arrastre e cerco, aínda que debido ás maiores diferenzas entre os buques o informe céntrase principalmente nas 30 embarcacións consultadas de palangre de superficie (15) e de fondo (15), dedicadas ao peixe espada ou a pescada como principais pesquerías.
Máis similares entre si, esta trintena de barcos permite obter unha foto nítida da frota burelá de media altura. O 67% destas empresas son sociedades limitadas, e faenan principalmente nos caladoiros de Gran Sol e Atlántico norte.
14 TRABALLADORES POR BUQUE
O estudo cifra a tripulación media desta frota en 14 traballadores, cunha porcentaxe similar -sobre 50/50- de procedencia española e estranxeira. Segundo os datos ofrecidos polo informe, os gastos totais anuais do conxunto da frota burelá -non só a consultada- na parte social, é dicir, en salarios, superarían os 30 millóns de euros.
SOLDOS ESTIMABLES
Un dos datos máis reveladores da enquisa é o salario medio dos tripulantes. O resultado do informe cuestiona o díxome-díxome de que o sector pesqueiro ofrece soldos baixos.
Máis alá da incuestionable dureza do traballo no mar, a investigación demostra que a remuneración media máis baixa entre os tripulantes da frota de media altura burelá é de 25.000 euros brutos anuais, mentres que o salario medio máis alto roza os 90.000.
A DURACIÓN MEDIA DOS CONTRATOS SUPERA O ANO
No tocante á duración media dos contratos, supera os doce meses, o que supón unha certa garantía de estabilidade para os traballadores dos barcos de media altura.
O estudo tamén analiza que perfil de obreiro demandan as embarcacións e cales serán as máis demandadas a tres anos vista, destacando con diferenza en calquera dous casos os titulados (patróns e xefes de máquina) e persoas capaces de achegar varias capacidades, estando por debaixo contramaestres e cociñeiros e finalmente mariñeiros.
Este coñecemento servirá para trazar unha estratexia sociolaboral de futuro, que identifique as necesidades da frota e preveña dificultades.
OUTRAS CHARLAS
Na primeira das xornadas técnicas tamén se abordou o Plan Estratéxico da Confederación Española de Pesca (Cepesca) no ámbito social, coa intervención de Rocío Béjar, secretaria xeral adxunta de Cepesca, e a dimensión social da pesca na Política Pesqueira Común (PPC), coa intervención de Daniel Voces (Europeche) en representación da patronal, e de Juan Manuel Trujillo (CC OO) como representante dos sindicatos.
A LONXA ACUMULA 1.000 MILLÓNS DESDE 2001
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, ensalzou na súa visita a Expomar a puxanza da frota burelá, que alcanzou en marzo “unha facturación acumulada de 1.000 millóns de euros desde 2001“, un dato que “moi poucos portos poden alcanzar en Europa“.
A representante da Xunta de Galicia tamén destacou o incremento da venda de novos produtos, de 82 en 2001 a 114 no 2019. O valor das ventas pasou de 35 millóns de euros a comezos da pasada década aos arredor de 70 millóns actuais. A frota de Burela conta hoxe con 78 barcos.
135 EXPOSITORES E 350 MARCAS
Un total de 135 expositores e 350 marcas ocupan a superficie de 4.000 metros cadrados de Expomar, ampliada nun 17% respecto a 2017.
O alcalde de Burela e presidente da Fundación organizadora, Alfredo Llano, afirmou que “hai que darlle protagonismo ao sector náutico pesqueiro, básico en Galicia, e é responsabilidade de todos empurrar por el”. Tamén asistiu á cita a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, entre outras autoridades.
XORNADA DO VENRES
Este venres, a partir das 12.30 horas, Burela acollerá o Consello Galego de Pesca, que se celebra por primeira vez fóra de Santiago de Compostela. As xornadas técnicas, que versarán sobre a xestión pesqueira, abordarán a obriga de desembarque ou o Brexit, entre outros temas.