A lonxa de Burela celebrou na mañá deste mércores a primeira subasta de bonito do norte do ano 2019. Nesta primeira poxa alixáronse 5.100 quilos do túnido, a unha media de 7,30 euros, un promedio de cotización sensiblemente inferior ao de anos anteriores.
O buque Koroko, con base en Bermeo, foi o primeiro barco en descargar, cunha compra moi repartida. O prezo máximo foi de 10,40 euros, lonxe dos 14,10 rexistrados na primeira poxa de 2018. Así mesmo, a cotización media estivo moi por debaixo do pasado curso, cando as ventas deixaron un promedio de 11,39 euros.
No 2017 tamén se rexistrou un prezo medio superior (8,98 euros), así como no 2016 (8,12).
O xerente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), Miguel Neira, lembra que se trata “dunha primeira referencia” que non serve para prognosticar o grao de rendibilidade da campaña, iniciada a pasada semana.
CINCO BARCOS DESCARGARÁN ATA O VENRES
Neira atribúe o baixo prezo a que “barcos de Canarias xa comercializaron o túnido” en días anteriores e tamén a que a lonxa burelesa celebrará ao longo desta semana máis poxas, polo que haberá máis oferta. De feito, está previsto que descarguen outros dous barcos este xoves, e outros tres na xornada do venres.
Para Absa, unha boa campaña debe conxugar prezos medios suficientes, en torno aos 4,5 euros, e cantidades de venta importantes, de arredor de 1.600 toneladas.
MENOS BONITEIROS
A frota inicial do bonito en Burela segue a minguar ano tras ano. De feito, a habitual competencia cos barcos peláxicos franceses e irlandeses, que se benefician dos bancos de peixe localizados polos boniteiros burelaos e pescan grandes cantidades ao arrastre, mentres que os pesqueiros da Mariña capturan o túnido coa arte selectiva da cacea ou curricán, xa non é a principal preocupación dos armadores.
A esta problemática uniuse nos últimos anos a finalización abrupta da costeira: no pasado mes de agosto, a campaña rematou o 23 de agosto, cando normalmente se estiraba ata o mes de outubro.
ATENTOS Á DURACIÓN DA COSTEIRA
As causas do esgotamento prematuro da cota son a escaseza da mesma e tamén a incorporación temperá da frota de cebo vivo, que aproveitou a cercanía do túnido en agosto ao Golfo de Biscaia para capturar moito peixe.
“A maioría dos nosos buques son pesqueiros de palangre de superficie, que andan principalmente ao peixe espada, polo que teñen que parar durante días ou semanas para adaptar os barcos á pesca do bonito”, explica Neira.
“Se a campaña dura tan pouco como pasou nos últimos anos quédase en mes e medio, polo que non compensa. Isto pesa cada vez máis fronte ao problema habitual da difícil convivencia cos peláxicos”, conclúe.