EFE. A Unión Xeral de Traballadores (UXT) e a empresa Sargadelos pediron a suspensión do xuízo por conflito colectivo que ía celebrarse este mércores no Xulgado do Social número 1 de Lugo, relativo ao abono da terceira paga extra á totalidade das traballadoras da fábrica de Cervo.
Ambas partes decidiron abrir un proceso de negociación sobre este tema para tratar de “chegar a un acordo”, segundo informou o sindicato.
A UXT aclara, en todo caso, que esa posibilidade de acordo pasa “polo cumprimento por parte da empresa da legalidade“, ou o que é o mesmo, “pola aplicación a todos os traballadores por igual do convenio colectivo da fábrica de cerámica”.
Neste senso, a organización sindical lembra que en agosto do pasado ano a “dirección de Sargadelos” despediu a máis dunha vintena de traballadores “cando se puxo de manifesto que non se lles estaba aplicando o convenio colectivo en todos os seus termos, especialmente en materia salarial”.
Precisa que “aos empregados de nova contratación” a empresa só lles estaba a aboar “dúas pagas extra, e non as tres que establece o convenio”.
DOUS MESES DE PRAZO
Precisamente, a reclamación de cumprimento do convenio colectivo foi o que levou á UXT, aclara o propio sindicato, a interpoñer este conflito colectivo, cuxa vista oral estaba fixada para este mércores. Finalmente, quedou suspendida de “común acordo” por un prazo de 60 días.
Para UXT Galicia, “o escrito presentado no Xulgado dun modo conxunto supón un primeiro paso, ao recoñecerse ambas partes como interlocutoras válidas para retomar o camiño cara o diálogo, que nunca debeu romperse”.