Os barcos que atracan no porto de Burela consumiron o 57 por cento da cota durante a costeira do bonito, na que se subastaron máis de 660 toneladas desta especie na lonxa da localidade mariñá.
O xerente de Armadores de Burela, S. A. (Absa), Miguel Neira, cifra en 662.000 quilos os vendidos ata o final do presente mes de xullo, o que supón unha cifra “moi semellante” ás rexistradas o pasado ano.
MÁIS QUILOS, PEOR PREZO
Neira matiza que este ano rexistrouse “un lixeiro incremento en canto a quilos” e unha “pequena redución no volume de negocio” como consecuencia de que o prezo medio nesta campaña é ata o de agora de 4,04 euros o quilo, mentres que na pasada costeira alcanzou ao peche do exercicio os 4,18 euros.
“Producíronse variacións mínimas. Estamos, iso si, por riba das cifras de 2016 e 2017, que foron campañas moi malas”, expuxo o empresario.
ARREDOR DE 40 BARCOS
Deste xeito, as arredor de 40 embarcacións que atracan no porto de Burela xa consumiron “un 57 por cento de cota”, polo que Neira augura que a costeira deste ano, ao igual que aconteceu en 2018, pecharase “en agosto” e tampouco se chegará a outubro, como era habitual nas anteriores campañas.
O ano pasado, a costeira foi a máis rápida da historia, ao rematar o 23 de agosto. Daquela, a frota de Burela lamentou o abrupto peche da pesquería, dada a abundancia do peixe. Os empresarios sinalaron que os Totais Admisibles de Captura (TAC) estiveron “moi por debaixo” do que “permitía” a situación biolóxica da especie.