InicioEconomíaAlcoa descarta que entren eventuais coas prexubilacións: "o plan social queda invalidado...

Alcoa descarta que entren eventuais coas prexubilacións: “o plan social queda invalidado coa venta a Parter”

A multinacional remarca que a finalidade da medida era "recolocar" operarios da Coruña e Avilés, o que xa "non é necesario" trala compra das plantas

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa descarta polo de agora seguir co proceso de prexubilacións en San Cibrao iniciado dentro do ERE aplicado a Avilés e A Coruña, tal e como solicitou o pasado xoves o comité de empresa da planta de Cervo, a fin de que os traballadores eventuais poidan acceder ás vacantes dos 30 obreiros que pediron acollerse ás baixas incentivadas.

A multinacional norteamericana lembra que o obxectivo de ofrecer prexubilacións na factoría cervense era reubicar traballadores da Grela e San Balandrán ante un posible peche, un escenario que finalmente non se deu grazas á compra das plantas polo fondo suízo Parter.

Así, fontes de Alcoa sinalan que “o plan social queda sen efecto coa venta das plantas, como recolle o acordo”, de xeito que pechan a porta a continuar co proceso e axilizar a entrada de traballadores das Empresas de Traballo Temporal (ETT) e das auxiliares.

OS TEMPOREIROS AGARDAN “ATA UN ANO”

O presidente do comité de empresa, Xosé Paleo (CIG), asegura que o día que os sindicatos de Avilés e A Coruña e Alcoa pactaron a posibilidade de recolocar persoal en San Cibrao “metéronnos neste ERE sen contar con nós e decidimos aceptar o sacrificio que nos pedían, a entrada inmediata de compañeiros nosos que estaban con ETT ou con auxiliares“.

“O que pedimos é que repercutan esas vacantes solicitadas na xente que hai pendente de entrar, que xa ten ese contrato de relevo garantido pero que ás debe agardar máis dun ano“, sostén Paleo.

Podían acollerse ás prexubilacións traballadores de 57 ou máis anos a 31 de decembro de 2018, cun complemento que, sumado á prestación por desemprego, alcanzaría as porcentaxes seguintes: de 57 a 59 anos, o 74% do salario anual bruto ata os 64 anos, e de 60 ata 65 anos, o 78% salario anual bruto ata os 65 anos.

Sobre o pacto entre Alcoa e sindicatos de Avilés e A Coruña realizouse unha modificación: en caso de falecemento do traballador que se acollía á baixa incentivada, garantiuse a pensión para os beneficiarios.

O ESTATUTO, PENDENTE

Paleo insiste na necesidade da aprobación do estatuto do consumidor electrointensivo, “pero está claro que non o vai haber mentres non haxa un Goberno central”. O presidente do comité considera que de aprobarse o documento e de “ter contido”, equiparando o prezo da enerxía “ao de Francia ou Alemaña, non haberá problema”. De non saír adiante, non ve futuro para a planta cervense.

DERRAMAMENTO DE LODOS VERMELLOS

Respecto da investigación anunciada por Alcoa sobre o derramamento de lodos vermellos en Morás, a multinacional afirma que se trata dunha pescuda “interna” coa intención de “adoptar medidas de comunicación” coa empresa de transporte sobre “que se debe e non se debe facer”.

Preguntadas por se se avaliou un posible dano medioambiental na investigación, as mesmas fontes negan que houbese un impacto. “Tratouse dun goteo dun camión mal pechado que se lavou con auga, de xeito que colleu a cor vermella da bauxita. O que sae da fábrica nestes trailers está considerado legal e tecnicamente como residuos mineirais non perigosos”, conclúen.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...