Os traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao retomarán este venres as protestas polas dificultades da planta de aluminio, na que a multinacional recurtou a produción nun 11%, coa parada de 32 cubas de electrolise.
O comité de empresa emitiu este mércores un comunicado de prensa no que deu conta das conclusións sacadas da reunión co novo presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, unha xuntanza na que o dirixente da multinacional se comprometeu a non facer recortes na produción nin no emprego durante os vindeiros meses, pero na que non adoptou o mesmo compromiso trala constitución do Goberno central que saia das eleccións xerais do 10 de novembro.
Así o recoñeceron os sindicatos, que ven na conformación do novo Executivo estatal e na convocatoria da subasta de interrompibilidade, comprometida polo Goberno en funcións e que en principio debera regular os paquetes de enerxía interrompible asignados a cada empresa alomenos para o primeiro semestre de 2020.
Diante da “falta de concreción e medidas” por parte do Executivo central para “solucionar o problema da enerxía eléctrica para a industria do aluminio”, os obreiros volverán cortar este venres a N-642 á altura do cruzamento do Castelo, de 14.00 a 14.30 horas.
MOCIÓN NA DEPUTACIÓN
Este mércores, o comité decidiu a entrega de mocións nas distintas institucións para que se aprobe, en acordo plenario, unha solicitude ao Goberno central do “establecemento urxente” dun “marco tarifario competitivo” para a industria do aluminio, da que San Cibrao é a única fábrica en España. Segundo a empresa, a electricidade supón o 40% dos gastos de produción desta planta.
Nesa liña, os representantes dos traballadores farán entrega “nos vindeiros días” da primeira moción na Deputación de Lugo.
O CONCELLO PIDE AO PERSOAL QUE SE SUME Á PROTESTA
O Concello de Cervo fixo un chamamento ao persoal municipal para que respalde a concentración dos traballadores de Alcoa o vindeiro venres. Deste xeito, segundo informou o goberno local, os servizos municipais pecharán ás 13.30 horas, agás a escola infantil.