Un futuro sen Alcoa, a debate no segundo encontro do Foro Económico da Mariña

Os alcaldes de Cervo, Burela e Barreiros analizarán o vindeiro 3 de outubro as alternativas da bisbarra no caso de que a multinacional peche a principal industria da zona

Poñentes e público na primeira edición do Foro Económico da Mariña. AXM

Tres alcaldes da bisbarra, das tres forzas políticas con maior representación, participarán o xoves 3 de outubro en San Cibrao na segunda charla-coloquio do Foro Económico da Mariña, baixo o título ‘A Mariña sen Alcoa: ameaza ou oportunidade‘. 

A mesa de análise terá lugar na casa da cultura sancibrense ás 19.30 horas. Contará coa participación dos alcaldes de Barreiros, Burela e Cervo, Ana Ermida (BNG), Alfredo Llano (PSdeG-PSOE) e Alfonso Villares (PP), respectivamente, e estará moderada pola xornalista Carmen Cruzado.

Desde o Foro Económico da Mariña explican que “con esta charla retomamos a actividade despois do verán, tratando un tema de actualidade para a nosa comarca, como é o risco de que peche a principal industria que temos nesta zona, coas consecuencias que para a nosa economía levaría apegadas pola destrución de miles de postos de traballo”.

Segundo a agrupación, o coloquio “tratará de esclarecer as medidas que se están levando a cabo dende as institucións para que a empresa sexa rentable e manteña a súa actividade; ademais de falar das posibles opcións no caso de deslocalización. Alcaldes da zona, de distinto signo político, realizarán unha análise das diferentes alternativas ao sector do aluminio”, engade o colectivo.

CONTEXTO DE INCERTEZA

Despois de analizar o pasado ano a distribución e comercialización do peixe, o Foro céntrase na segunda edición do encontro na multinacional, que no pasado verán reduciu a produción un 11% na planta de aluminio de Cervo, coa parada de 32 cubas.

O coloquio celebrarase nun contexto no que Alcoa reclama ao Estado un abaratamento da enerxía e comprometeu ante o comité de empresa non aplicar recortes produtivos nin despedimentos ata a formación do novo Goberno central, pero sen garantías máis alá desa data

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here