InicioEconomía"Correde a voz; a bofetada para A Mariña podería ser enorme"

“Correde a voz; a bofetada para A Mariña podería ser enorme”

Os obreiros de Alcoa San Cibrao cortaron de novo a N-642 para simbolizar o impacto que suporía para a bisbarra que peche unha factoría que dá emprego a 2.000 persoas

Publicada o

- Advertisement -

Unhas horas antes de que Endesa anunciase o peche da central térmica das Pontes, os traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao cortaron de novo este venres a N-642 para esixir “unha solución” para rebaixar o prezo da enerxía eléctrica, que segundo a multinacional compromete a viabilidade da única planta de aluminio primario que queda no Estado.

Acompañados de representantes políticos de todas as cores, así como de veciños, familias e numeroso persoal municipal cervense, ao que o Concello convidou a saír media hora antes dos postos para respaldar a protesta, os obreiros interromperon o tráfico na estrada que vertebra A Mariña Lucense nun acto que simbolizou o colapso social e económico que pode padecer a bisbarra de pechar o complexo industrial sancibrense, que segundo os sindicatos dá emprego -entre postos directos e indirectos- a 2.000 persoas.

“FACEDE DE ALTOFALANTES”

“A bofetada para A Mariña podería ser moi grande e non estamos libres de que ocorra, senón que estamos no camiño de que pase”, lamentou ao remate da protesta o presidente do comité de empresa da factoría cervense, Xosé Paleo (CIG), que pediu á veciñanza que “faiga de altofalante” da situación do persoal, que “vai para longo” e que requerirá “de manifestacións máis importantes”.

O sindicalista lembrou que a reunión mantida co presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, “non foi positiva”, posto que o dirixente non se comprometeu a garantizar a produciónminguada nun 11% no pasado mes de agosto, coa parada de 32 cubasnin o emprego trala constitución do novo Goberno central que sairá das eleccións xerais do 10 de novembro.

Os traballadores continuarán nas vindeiras semanas o calendario de actos reivindicativos aprobado en asemblea. O vindeiro mércores reuniranse con representantes dos gobernos locais da Mariña para pedirlles apoio institucional e informalos da situación da fábrica.

CC OO PIDE “APROBAR XA” AS COMPENSACIÓNS POR CO2

Comisións Obreiras (CC OO) celebrou na mañá deste venres unha rolda de prensa na que participaron Ramón Sarmiento, secretario xeral do sindicato en Galicia, Víctor Ledo, responsable da federación de Industria da comunidade, e José Antonio Zan, da sección sindical de Alcoa.

Sarmiento expuxo que hai que esixir “unha resposta” ás administracións para que “despexen as incógnitas” que “condicionan o futuro” de Alcoa San Cibrao, “especialmente todo o que acontece coa enerxía eléctrica”, instando ao Goberno central a “aprobar o estatuto electrointensivo“. Sobre este último documento, lamentou que “nos gustaría saber xa o contido do borrador“.

Ademais, pediu ao Executivo central “que non agarde” para aprobar o incremento das compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2), comprometido polo Goberno e aínda non executado. “Outros anos estamos acostumados a que se retrasen, polo que sería convinte que neste exercicio se fixese antes da poxa de interrumpibilidade“, asegurou.

O dirixente de CC OO tamén insistiu na necesidade de “esixirlle tamén a Alcoa unha reciprocidade” coa rebaixa da tarifa eléctrica que se traduza “en investimentos para facer un planta máis competitiva e máis sostible ambientalmente”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...