Saborosa, nutritiva e tamén respectuosa co medio ambiente. Toda a merluza do pincho de Celeiro é Friend of The Sea (FOS). Os 22 palangreiros da flota de Gran Sol celeiresa teñen xa o certificado de sustentabilidade que concede a ONG do mesmo nome.
O selo supón o recoñecemento de que as embarcacións do palangre de Celeiro, que atrapan a pescada ao xeito tradicional, con anzol, cumpren unha serie de requisitos. Entre outras condicións, FOS esixe que non haxa sobrepesca, segundo o acordo coa Food Agriculture Organization (FAO) das Nacións Unidas; que a pesca non teña un impacto relevante nos fondos mariños; que se cumpra a legalidade vixente e non se capturen especies ameazadas; que o número de descartes sexa inferior ao 8%; que a flota faga unha eficiente xestión de residuos e que demostre unha responsabilidade social.
o selo PREMIA un reducido porcentaxe de descartes ou que non se capturen especies ameazadas
A certificación premia un proxecto iniciado dous anos atrás. Puerto de Celeiro trazou no 2016 un plan plurianual para que a flota do pincho ao completo obtivese o selo de sustentabilidade. No primeiro exercicio obtiveron o certificado oito barcos e as restantes embarcacións acadaron o distintivo de FOS no pasado mes de abril. Os buques emprenderon varios protocolos, como a utilización de tori lines para evitar a captura accidental de aves ou a correcta xestión dos residuos plásticos no mar. A partir de agora, a ONG someterá aos palangreiros a unha auditoría anual para conservar o ecoetiquetado.
“De seleccionar a merluza do pincho de Celeiro, os minoristas, restaurantes e consumidores apoiarán, á súa vez, a pesca sostible e a conservación do hábitat mariño”, asegura o fundador de FOS, Paolo Bray, que acudiu hoxe á primera subasta coa totalidade da pescada etiquetada co selo da ONG. Tamén participaron no acto a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O director adxunto de Puerto de Celeiro, Eduardo Míguez, explica que “valoramos varias opcións á procura dun compañeiro de viaxe e decidimos que FOS era a que cumpría todos os requisitos cos que queremos que se identifique á merluza de Celeiro”. Míguez sinala que outros selos de sustentabilidade “permiten, por exemplo, un porcentaxe de descartes elevado cando o noso está por debaixo do 4%”.
A PESCADA SUPÓN O 85% DO VOLUME DE NEGOCIO DE PUERTO DE CELEIRO, CUNHAS VENTAS DE 11.000 TONELADAS ANUAIS
DISTINTIVOS DE CALIDADE
O certificado de sustentabilidade de Friend of The Sea súmase aos distintivos de calidade de Galicia Calidade e Carrefour Selección, cos que xa conta a merluza do pincho de Celeiro. Tamén recibiu o premio Alimentos de España 2017, que concede o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. A pescada supón para Puerto de Celeiro, segundo Míguez, “en torno ao 85% do noso volume de negocio, cunhas ventas de 11.000 toneladas anuais”. Cunha media de 15 tripulantes por embarcación, unhas 330 persoas traballan na flota do palangre celeiresa.
“Pescada” em galego. “Peixota” se for mediana e “carioca” pequena.