(AMPLIACIÓN) Conclave este martes en Alcoa San Cibrao coa visita da ministra de Industria e de Feijóo

Os sindicatos esperan que Maroto veña á fábrica cunha "solución urxente" e "non cun parche"

Reyes Maroto. EFE

A ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, visitará o vindeiro martes, día 8 de outubro, o complexo industrial de Alcoa en San Cibrao, en Cervo.

A dirixente do Goberno socialista comprometérase comité de empresa a visitar a planta. Os sindicatos queren transmitirlle a importancia da fábrica, que xera arredor de 2.000 empregos, para a comarca da Mariña Lucense.

Segundo informou o comité de empresa, este mesmo martes tamén acudirá á factoría o presidente da Xunta de Galicia, o popular Alberto Núñez Feijóo.

A multinacional puxo en cuestión a fábrica de aluminio primario do complexo industrial cervense -a única operativa en España– sen un abaratamento da enerxía eléctrica, que supón o 40% dos gastos de produción da mesma. No pasado mes de agosto, reduciu a produción nun 11%, coa parada de 32 cubas das 512 de electrolise.

REUNIÓN CO COMITÉ

Os traballadores reuniranse cos representantes do Goberno central e da Xunta a mediodía. O presidente do comité de empresa da fábrica de Alcoa en Cervo, Xosé Paleo, espera que a ministra de Industria chegue “cunha solución” e non “cun parche” para “saír do paso”.

Paleo aclarou que na reunión que manterán coa ministra e co presidente da Xunta, xusto ao finalizar a visita á fábrica de San Cibrao, os representantes do comité de empresa volveranlle pedir que o Goberno dea os pasos necesarios para establecer “un marco tarifario” que lle permita a esta factoría “competir en pé de igualdade coas da súa contorna“.

“Cando visite a factoría, verá o tamaño da fábrica e entenderá mellor do que estamos falando”, dixo Paleo, dado que a actividade de Alcoa representa algo máis do 30% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia de Lugo.

Paleo dixo que se necesita por parte do Goberno de España “unha solución urxente” para que Alcoa “decida subir de novo a intensidade e poñer a funcionar as cubas que están paradas neste momento. Non nos gusta estar así. Non nos gusta estar ao bordo do abismo“, lamentou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here