Feijóo di que “cada minuto” sen estatuto achega “o peche” de Alcoa e elude culpas na crise industrial galega

O presidente da Xunta sobe o ton no Parlamento tras visitar a planta de San Cibrao e a oposición aféalle que "nada do que pasa" na comunidade "ten que ver co que fai" o Goberno galego

Feijóo, no Parlamento. EFE/LAVANDEIRA JR.

EFE. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, volveu insistir este mércores en coñecer o texto do proxecto de estatuto para a industria electrointensiva porque “cada minuto que pasa e que o Goberno non ensina o borrador é un minuto máis cara o peche de Alcoa“.

Así de contundente se manifestou o presidente do Executivo galego durante a sesión de control do Parlamento de Galicia un día despois de participar, xunto á ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, nunha visita ao complexo industrial de Alcoa en San Cibrao.

Trátase da única planta da multinacional estadounidense do aluminio operativa en Galicia e, en opinión de Feijóo, “está en risco se non ten garantías dun prezo da electricidade igual ao que se tiña con anterioridade a 2018“.

Todos os grupos da oposición centraron as súas intervencións en criticar a situación de crise industrial que atravesa Galicia, ante o que o máximo mandatario do Executivo autonómico asegurou que a situación deste sector “sería positiva” de dispoñer dun prezo da enerxía asequible xa que a balanza “unicamente é negativa” na produción nas empresas de produción enerxética e metalúrxica.

Por iso, considerou “imprescindible” ver o contido do borrador do proxecto que elabora o Goberno central e non esperar ata logo das eleccións, cunha estratexia que simula un anuncio electoral e que evidencia que se está “enganando” aos traballadores, dixo.

“Dado que teñen o estatuto, que é a fórmula máxica, por que non nos concretan o seu contido e alcance e ímonos cun problema menos”, recriminou Feijóo ao líder do PSdeG-PSOE en Galicia, Gonzalo Caballero.

Fronte ás argumentacións do presidente autonómico, os grupos da oposición lamentaron que o PPdeG non asuma “ningún tipo de responsabilidade en ningún problema que afecte á comunidade”, pese a levar once anos á fronte do Goberno.

OS COMÚNS REMARCAN A PERDA DE 22.000 EMPREGOS

O deputado do grupo Común da Esquerda Antón Sánchez reprochou ao mandatario galego que desde a súa chegada ao Executivo autonómico destruíronse 22.000 empregos industriais e que “un de cada tres” perdidos neste sector “levan a marca Feijóo” xa que “non achega solucións, porque é parte do problema”.

A estratexia de Feijóo, lamentou o deputado, é “botarlle a culpa a todos con tal de non asumir a responsabilidade” pese a que na súa biografía constan “titulares e fotos para facer anuncios electoralistas” que nunca se cumpriron e que agora o evidencian como un “nefasto xestor“.

Deste xeito, Sánchez pediu que faga valer o Estatuto de Autonomía de Galicia porque os cidadáns “queren un presidente que exerza e non un militante do PP” pese a que, admitiu, na situación que están atravesando algunhas das industrias galegas “o Goberno central ten tanta responsabilidade como vostede por non prepararnos para o contexto” de transición cara á descarbonización da economía”.

PONTÓN: A “DESERTIZACIÓN INDUSTRIAL”, LEGADO DA XUNTA

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, censurou que o legado de PPdeG sexa unha “desertización industrial” en Galicia.

Así, acusou de Feijóo de permitir ao empresario Juan Miguel Villar Mir “dar un pelotazo”; facer de “conseguidor” de investimentos á petrolera mexicana Pemex; deixar “un asteleiro como o de Barreiras en crise e 800 persoas na rúa”; e poñer o emprego da multinacional do aluminio Alcoa “pendente dun fío“.

A deputada nacionalista galega criticou que o presidente autonómico teña a “cara de comparecer para dicir que o problema é o prezo da enerxía” cando de forma recurrente rexeita a proposta de BNG de establecer unha tarifa galega “estable e competitiva” que permitise “beneficiarnos da riqueza eléctrica que hai neste país”.

Pontón reclamou “unha posición de país” e unha negociación para unha “transición xusta” cara ás reformas industriais, nun momento no que “Galicia non necesita escusas, necesita solucións”.

Si segundo o máximo mandatario autonómico di que “o que pasa en Galicia non ten nada que ver co que fai o Goberno galego“, esa declaración supón “a maior enmenda á totalidade” da década do PPdeG á fronte da Xunta, sinalou.

CABALLERO: “LEVA DEZ ANOS DE FALACIAS E IRREALIDADE”

Para o deputado socialista Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, o discurso de Feijóo é unha argumentación que “ninguén lle pode comprar” logo de once anos de “falacias e irrealidade” pretendendo culpar ao Goberno estatal de todas as crises de Galicia.

FEIJÓO, Á OPOSICIÓN: “TRABALLAN PARA SÁNCHEZ”

Feijóo culpou á oposición de “traballar para o Goberno central” e de “botarlle a culpa aos cidadáns dos problemas que non son dos galegos”, a costa de defender unha “errática política enerxética” que non pasa “polas electrointensivas”. Así, acusou á “esquerda” de soster a un Executivo estatal que actúa “a bandazos” e que “fará que Galicia sexa máis pobre”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here