En pleno ocaso, como nunha imaxe simbólica do declive que podería padecer A Mariña Lucense de pechar o complexo industrial de Alcoa, unha ringleira interminable de coches desprazouse este mércores a Xove, onde unha multitude –máis de 3.000 persoas, segundo a estimación do goberno local- xuntouse na Praza do Concello para esixir unha solución para a fábrica de aluminio de San Cibrao, que a multinacional ve “inviable” sen un abaratamento da enerxía eléctrica.
Miles de persoas encheron o espazo respondendo á convocatoria dos sindicatos e do goberno local xovense, ao que o comité de empresa de Alcoa solicitou apoio para pedir que citase á cidadanía e ao comercio que pechase secundando a protesta. A de Xove foi a primeira dunha serie de concentracións nos concellos da Mariña Lucense coas que os representantes dos traballadores queren simbolizar que un posible peche da planta afectaría a todos os municipios da bisbarra.
SALGUEIRO: “ISTO AFECTA A TODOS, POR RIBA DA POLÍTICA”
Tomou a palabra o rexedor xovense, Demetrio Salgueiro, que reforzou a idea. “Alcoa é fundamental para A Mariña pola xente que traballa de forma directa e indirecta nesta empresa”, asegurou. Son máis de 1.200 postos de traballo directos e calcúlase que outros 400 empregados indirectos os que xenera o complexo industrial.
“Non hai que olvidar que todo o comercio e a hostalería, empresas auxiliares ou transportes poden verse afectados por un problema coa empresa”, remarcou. “E ata hoxe non se quixo falar nunca da palabra que ninguén quere oír, peche. Temos que dicir que agora mesmo sobrevoa o ambiente“, sostivo, para engadir que “entre os efectos que pode ter estaría o despoboamento desta bisbarra. Que sería dos rapaces?”, preguntou.
Salgueiro fixo fincapé en que “o único que se pide” é “un prezo da enerxía para poder traballar, que sexa de forma urxente. O Goberno pode facelo“, argumentou. O alcalde de Xove instou aos asistentes “a facerse oír” e a concienciar “a todos os que coñecedes” para sacar adiante un problema que “afecta a todo o mundo, fóra de cores políticas. Temos que estar todos xuntos”, salientou. Representantes de todos os partidos, incluídos os alcaldes dos municipios mariñaos, respaldaron a convocatoria.
Salgueiro cuantifica nun 60% o orzamento do Concello que depende dos impostos que lle recauda a Alcoa.
O COMITÉ: “ESTA É A FORZA QUE PRECISAMOS”
Pola súa banda, o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, expuxo que o prezo do megavatio para Alcoa é de 53 euros, “mentres que outros países da Unión Europea está en 35. Todo isto cos mecanismos para abaratar a enerxía que están achegando agora, como a poxa de interrompibilidade e as compensacións por emisións indirectas de CO2″, dúas medidas comprometidas pola ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, na súa visita á planta sancibrense, e que tanto a empresa como os sindicatos consideran insuficientes.
“O presidente de Alcoa (Álvaro Dorado) díxolle á ministra diante nosa que con estos prezos da enerxía a planta de aluminio era inviable, e ela non soubo que responder. Esperabamos que dixese que tiña un estatuto das electrointensivas con medidas para abaratar a enerxía, pero non foi así. Non dixo de que se trataba e descoñecemos o contido“, proseguiu Paleo.
A falta da concreción de Maroto, “fainos tremer“, subliñou o sindicalista. “O único compromiso que arrincamos á ministra é que esta semana fixaría unha data para a reunión da mesa de seguimento, na que nos explicaría o estatuto das electrointensivas. Pero non sabemos cando vai ser”, remarcou.
“Se non conseguimos antes do 10-N unha solución, vai ser tarde. A dirección tomará algún tipo de medida e un parón na serie de electrolise non é o mesmo que vivimos agora“, asegurou, en relación coa parada de 32 cubas na planta de aluminio. O sindicalista explicou que “se unha industria coma esta se para, non se volve abrir aquí. Non se crean plantas deste tipo en Europa“, lamentou.
“Dá gusto ver tanta xente. Esta é a forza que precisamos”, aseverou Paleo, que asegurou que “é o momento de movernos”.
REUNIÓN ESTE XOVES
O comité de empresa de Alcoa reunirase este xoves para perfilar o calendario de protestas das vindeiras semanas, despois dunha visita da ministra que cualificou como “decepcionante” ao entender que non se concretaron solucións para a planta.