EFE. O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, asegurou hoxe que “os socialistas están actuando como unha brigada de demolición” para a multinacional estadounidense do aluminio Alcoa.
Balseiro dixo que as declaracións do líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, e da ministra de Industria, Reyes Maroto, contribuíron a incrementar a “preocupación” dos traballadores.
En declaracións a un grupo de xornalistas, Balseiro sinalou que “hai moita máis preocupación” entre o persoal trala visita da ministra, porque antes había polo menos, “a ilusión de que viñese con algún compromiso”.
Con todo, “o Goberno non ten ningunha solución para Alcoa”, comentou Balseiro, en alusión á falta de estabilidade de prezos da enerxía que, segundo o delegado territorial, a multinacional evocou como xustificación para pechar as plantas da Coruña e Avilés.
SAN CIBRAO É “RENDIBLE EN TODO” AGÁS “POLA LUZ”
A planta de Alcoa en Cervo é “rendible” en “todo”, salvo pola tarifa da enerxía eléctrica, segundo Balseiro, quen opinou que un prezo inferior a 40 euros por megawatio/hora permitiría á empresa proseguir a súa actividade nesa provincia, fronte á actual tarifa que “agora está por encima de 55 euros“.
Balseiro expresou a súa sospeita de que si a ministra non evocou o texto do borrador dun texto previsto para as empresas de gran consumo enerxético é porque “todas as medidas que inclúe” apenas supoñen “unha rebaixa de 1,5 euros” no prezo.
“PROBLEMA DE ESTADO”
“Estamos metidos nun calello sen saída”, engadiu, con “moitos compromisos, pero ningún feito” por parte do Goberno, criticou, e considerou que se trata “dun problema de Estado”, porque a de Cervo é xa a única fábrica de todo o país que “produce aluminio primario” e “se deixa de facelo, haberá que traelo de fóra“.