InicioEconomíaPontón di que a achega de Feijóo ás electrointensivas foi vetar unha...

Pontón di que a achega de Feijóo ás electrointensivas foi vetar unha tarifa eléctrica galega

A voceira nacional do BNG pregunta "onde están as solucións da Xunta" para a situación de Alcoa, que deixa "2.000 empregos na Mariña pendentes dun fío"

Publicada o

- Advertisement -

No transcurso dunha pregunta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (PP), a voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, afirmou que a “grande achega (de Feijóo) ás empresas electrointensivas foi vetar sistematicamente todas as propostas do BNG para abaratar a electricidade”.

Pontón reclamou unha tarifa industrial eléctrica galega que reduza as peaxes “para que Galicia se beneficie dos seus recursos”. Tamén solicitou a intervención pública de Barreras e unha mesa para unha transición xusta que garanta o emprego en Endesa As Pontes.

A nacionalista lembrou que o pasado domingo foi publicada unha enquisa, que na súa opinión, deixaba varias valoracións, por unha parte, de celebrarse hoxe as eleccións galegas, “o PP perdería a maioría absoluta”, “o PP baixa mentres que o BNG sube” e “o PP suspende”. Pero ademais, engadiu, a enquisa tamén reflicte as áreas con peor nota destacando a economía e o emprego.

“DESERTIZACIÓN INDUSTRIAL”

Pontón asegurou que estes datos se corresponden coa peor crise industrial dos últimos anos provocada pola “incompetencia” do PP, “que pon en risco máis de 7.000 postos de traballo e afecta a comarcas enteiras como Vigo, A Coruña, A Costa da Morte, A Mariña ou Ferrolterra. O seu legado, dixo Pontón a Feijóo, é “unha desertización industrial”. E fronte a isto, vai buscando escusas e botando balóns fóra cando Galiza o que precisa é solucións”.

Neste sentido, afirmou que o prezo da enerxía está colocando 400 empregos na Coruña e 2.000 na Mariña “pendentes dun fío” polas dificultades de Alcoa para continuar coa súa actividade e preguntou “onde están as solucións da Xunta? Teñen a cara de dicir que o problema é o prezo da electricidade, pero onde estaban o PP e o PSOE cando o BNG propuña unha tarifa eléctrica galega? Pois dígollo eu. Mirando para Madrid en vez de para Galicia”, asegurou.

O PLENO PROVINCIAL REXEITA PEDIR A DEMISIÓN DE RIBERA

Por outra banda, segundo informa Efe, o pleno da Deputación de Lugo rexeitou este martes, nunha sesión extraordinaria convocada a petición do PP, a proposta de resolución que presentaron os populares para expresar o apoio da institución aos traballadores afectados polo peche de Endesa e para solicitar a dimisión da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

O goberno bipartito, formado por socialistas e nacionalistas, presentou unha enmenda á proposta de resolución presentada polo PP, que propuña expresar o “apoio e a solidaridade” da institución cos traballadores da central térmica, ademais de reclamar ao Goberno e á Xunta medidas para impulsar unha “transformación enerxética suave e progresiva“.

Ante a imposibilidade de chegar a un acordo, a proposta dos populares foi rexeitada grazas ao voto de calidade do presidente da Diputación, José Tomé, porque Bloque Nacionalista Galego (BNG) e PSdeG-PSOE suman maioría no pleno, pero este martes tivo que ausentarse da sesión a deputada e alcaldesa de Trabada, Mayra García.

TOMÉ ACUSA AO PP DE FRUSTRAR A APROBACIÓN DUNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Tomé explicou que “cando o Partido Popular presentou esta moción tipo”, cunha “clara intencionalidade política, pero non para resolver o problema das Pontes, porque senón, non entrariamos a falar de dimisións”, convocouse “unha xunta de portavoces para explicar que nos parecía moito máis útil unha declaración institucional unánime e conxunta“, que fixese referencia tamén a Alcoa, “pero non foi posible”.

Antes do pleno, Tomé recordou que os socialistas tamén poderían pedir “demisións”, porque “o presidente da Xunta dixo o fin de semana que ía facer un plan de reindustrialización, o que significa que ata agora non tiña plan industrial para Galicia”.

“Onde está o proxecto industrial da Xunta para Galicia. Unha parte dese proxecto debería abarcar As Pontes, evidentemente. Está recoñecendo que non ten un proxecto industrial para Galicia. Non me estraña que baixase a produción industrial un 6,3% no que vai de ano”, engadiu.

O presidente da Deputación dixo que o “compromiso” do PSdeG-PSOE e do BNG, que forman o bipartito, cos traballadores está fóra de toda “dúbida”, pero tamén aclarou que non tiñan pensado entrar “a pedir dimisións, porque pola contra habería que pedir a do señor Feijóo”.

CANDIA: “TEMOS AS MESMAS PREOCUPACIÓNS, DISTINTA RESPONSABILIDADE”

“O grupo provincial do PP solicitou un pleno extraordinario porque considera que estamos nunha situación extraordinaria. O que vimos dicir, e seguramente todos os representantes da provincia teñen as mesmas preocupacións, pero seguramente non todos os grupos teñen a mesma responsabilidade“, dixo a presidenta provincial do PP, Elena Candia.

A presidenta provincial do Partido Popular afirmou que “o que está pasando é froito da improvisación do Ministerio“, o que está provocando “dúbidas e incerteza en familias que non saben cal vai ser o seu futuro inmediato”.

En canto á folga xeral convocada para o mércores, Candia dixo que “os traballadores, as familias e os veciños da provincia saben que o Partido Popular está ao seu lado”. Tamén comprometeron apoio á concentración dos traballadores de Alcoa en San Cibrao, o vindeiro mércores.

Jesús Novo, Candia e Castiñeiras, do grupo provincial popular. AXM

O encargado de defender a proposta popular no pleno, Agustín Baamonde, precisou que non foi posible unha declaración institucional conxunta porque “precisamente o Partido Popular presentou esta iniciativa ante a desidia do goberno da Diputación, que mentres alcaldes e cidadáns manifestábanse e reclaman unha solución a este problema, púxose de perfil”

Ademais, engadiu, “unha declaración institucional non pode substituír un debate político, que agora mesmo é máis necesario que nunca nesta cuestión”.

BNG: “O PP TEN RESPONSABILIDADES POLÍTICAS, NON PASABA POR ALÍ”

Pola súa banda, o deputado nacionalista Efrén Castro acusou a PP de “permitir” a Endesa que “despois de esquilmar o carbón da comarca a cambio de beneficios inxentes diga que vai pechar da noite mañá sen ningún plan para os traballadores. Esa é unha responsabilidade política, e o Partido Popular tena, como o a ten tamén o Goberno do Estado. Parece que (o partido conservador) pasase por alí e nos nos imos comprar iso”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...