InicioEconomíaAlcoa na Mariña: 100 millóns en salarios directos e indirectos, outros 150...

Alcoa na Mariña: 100 millóns en salarios directos e indirectos, outros 150 en impostos e Seguridade Social

Nunha concentración baixo a chuvia, o alcalde de Cervo resaltou a importancia do aluminio para a comarca e o comité pediulle ao Goberno que "sexa valente e tome decisións"

Publicada o

- Advertisement -

Baixo unha intensa chuvia, máis de 3.000 persoas, segundo os sindicatos, concentráronse este mércores na Praza dos Campos de San Cibrao para esixir ao Goberno central “unha solución” para a planta de aluminio de Alcoa, que a multinacional pon en cuestión sen un abaratamento do prezo da electricidade. Foi a segunda protesta convocada nas vilas da Mariña Lucense, despois da celebrada en Xove.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, resaltou na súa intervención na protesta a importancia de Alcoa San Cibrao para a comarca da Mariña e para Lugo, xa que supón o 32% do Produto Interior Bruto (PIB) da comarca. O rexedor asegurou que o complexo industrial “sempre necesitou dunha axuda estatal, tanto antes con xestión pública como agora coa privada. Desde hai un ano, non chega”, afirmou, para lembrar que a multinacional parou 32 cubas na planta de aluminio sancibrense, segundo xustificou a empresa, polas “perdas” ocasionadas polo “alto custo da enerxía”.

O alcalde cervense cifrou en “100 millóns” a repercusións de Alcoa no tocante a salarios directos e indirectos; outros “250 millóns no tecido industrial da comarca” e “outros 150 millóns en impostos e Seguridade Social.

“PEDIMOS UNHA AXUDA DE CEN MILLÓNS, QUE SERÁ COMPENSADA”, AFIRMOU O REXEDOR

“As alarmas están todas acendidas”, indicou Villares, que lamentou que “a visita da ministra trouxo máis preocupación que tranquilidade, porque non trouxo con ela o borrador do estatuto das electrointensivas prometido”.

O rexedor de Cervo asegurou que “estamos a pedir unha axuda global de 100 millóns de euros para seguir traballando no aluminio, e que se compensan” polos datos mencionados. “Temos que estar unidos, sen consignas políticas, pero pedir o noso, queremos un presente e un futuro“, concluíu.

Paleo e Villares, durante a súa intervención. AXM

“ESTAMOS AGUANTANDO A RESPIRACIÓN”, DIN OS SINDICATOS

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo, explicou que “lamentablemente a situación non variou desde a concentración de Xove. Seguimos esperando que o Goberno central nos diga que ferramentas ten para ofrecernos un prezo da enerxía xusto, que nos permita competir con outros países europeos“.

“Temos a cabeza debaixo da auga, nun sentido literal e no figurado”, indicou o sindicalista, “e estamos a aguantar a respiración. Xogámonos a nosa supervivencia, pois descoñecemos canto vai esperar a empresa en tomar medidas máis drásticas”, afirmou, en relación ao emprego.

PROBLEMA “HERDADO”

“Seriamos a terceira fábrica máis eficiente de Alcoa en todo o mundo se non fose polo custo da enerxía eléctrica”, lamentou Paleo, que remarcou que “esta factoría non está obsoleta nin o problema é o prezo do aluminio“.

Esta situación “é responsabilidade do Goberno, que ten competencias para garantir a industria”, argumentou, pero “temos este problema herdado desde hai moitos anos“, discrepou. “Primeiro enganáronnos coa privatización da enerxía eléctrica, todos sabemos canto subiu o prezo da luz; e logo co sistema de interrompibilidade, que nos trouxo ata onde estamos. Pedímoslle á ministra que sexa valente e que tome decisións, porque hai medidas que se poden tomar e que se tomaron en Francia ou Alemaña“, salientou.

“É RECONFORTANTE VERVOS AQUÍ CON ESTE TEMPO”

Levamos anos con esta ameaza“, lembrou Paleo. “É reconfortante vervos aquí, con esta chuvia. Temos que buscar unha solución e imos loitar polos postos de traballo e pola nosa fábrica, polo futuro da Mariña. Xuntos venceremos”, concluíu.

A VINDEIRA CONCENTRACIÓN, O 24-O EN BURELA

Representantes políticos de todas as cores participaron na protesta. A vindeira concentración será o xoves, 24 de outubro, na Praza do Concello de Burela, de 20.30 a 21.00 horas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...