A ministra de Economía e Empresa en funcións, Nadia Calviño, advertiu este luns de que a “demagoxia” non axuda a liquidar os problemas do sector industrial galego.
“O último que axuda nestas ocasións é a demagoxia ou botar a culpa aos demais”, sostivo Calviño, que respondeu así a unha pregunta sobre a crise industrial de Galicia formulada polos medios á súa chegada a Santiago de Compostela para participar esta tarde nun acto do partido socialista.
A ministra preconizou que as autoridades, as empresas e os sindicatos deben intentar remar “na mesma dirección” e traballar por unha “procura de solucións positiva”.
“NINGUÉN PODE QUEIXARSE” DA “ACTITUDE” DO GOBERNO
Neste sentido, agregou que “ninguén pode ter queixa” da actitude dun Goberno central que tratar de “buscar solucións” e que seguirá así os “próximos catro anos” de saír reelixido das eleccións xerais do 10 de novembro.
Na lista de méritos do Executivo central, Calviño anotou a procura dun comprador alternativo para a planta da Coruña da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa.
Ademais, comprometeuse a intentar “todo o posible para atopar solucións” ao peche da central térmica de Endesa nas Pontes e a reactivar o tecido industrial nesta comarca, sinalou a ministra en funcións.
A titular de Economía e Empresa do Goberno central expuxo que algúns dos problemas actuais “responden a un proceso de cambio e transición que xa se coñecía desde fai tempo e para o que as empresas terían que terse preparado“, como o aumento dos custos por emisión de dióxido de carbono.
CABALLERO CUESTIONA OS ORZAMENTOS AUTONÓMICOS
Calviño compareceu ante os medios acompañada do secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, quen amplificou a súa mensaxe e dirixiu as súas críticas cara ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusou de non levar a cabo “unha política económica activa ao longo dos últimos once anos”.
Nesa liña, Caballero citou que o proxecto de orzamentos autonómicos para 2020 presentado a semana pasada polo Executivo galego mostra unha “falta de compromiso co sector industrial” ao reducir as partidas para facilitar chan e para o fomento do desenvolvemento económico.
O líder do PSdeG mostrou o seu orgullo de que o Goberno socialista actual teña clara a “importancia da política económica activa” e tome medidas para orientar o sistema económico cara a un bo funcionamento” que non se esqueza da “xustiza social” e a “defensa do benestar”.
PANCARTA NO CONSISTORIO BURELAO
O alcalde do municipio lucense de Burela, Alfredo Llano, fixo un chamamento este luns á cidadanía da comarca da Mariña Lucense a participar nunha concentración o vindeiro xoves para reclamar o mantemento da planta da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa en Cervo.
Trátase da terceira concentración convocada polos alcaldes da comarca en acordo co comité de empresa da factoría de San Cibrao.
O goberno local pendurou do consistorio unha pancarta para colaborar “con toda a xente que está a traballar para que Alcoa se manteña e conserve a súa capacidade produtiva e de emprego na nosa comarca”.