Os traballadores da Reymogasa, auxiliar de Alcoa, anunciaron un calendario de protestas tras “renunciar” a empresa “unilateralmente” ao seu contrato de traballo na planta de alúmina.
Segundo anunciou o comité de empresa, os obreiros realizarán manifestacións os días 28, 30 e 31 de outubro de sete a oito da mañá en defensa dos seus postos e condicións de traballo. As mobilizacións partirán dos vestiarios de Reymogasa ata a portería da factoría de Alcoa.
“EXCLUÍDOS” DAS CONVERSAS CON ALCOA
O persoal da empresa de reparacións e montaxes esixe “máis transparencia e información“, pois foi “excluído e informado tarde e mal” das conversas que están a manter Reymogasa e Alcoa.
Así, reclaman “que se garanticen os postos de traballo nas mesmas condicións que na actualidade”. O comité especifica que “os afectados por esta medida son aproximadamente 65 traballadores“.
Os sindicatos solicitan “o apoio de todo o persoal da factoría para preservar os postos de traballo e a defensa da industria na Mariña Lucense“.