EFE. O Consello de Ministros elevou ata 172,23 millóns de euros as subvencións para compensar os custos derivados das emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro (dióxido de carbono, CO2) nas que as empresas industriais incurriran durante o exercicio 2018, informou este venres o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
Foi unha das promesas realizadas pola ministra en funcións, Reyes Maroto, na súa visita á planta de Alcoa en San Cibrao. Segundo o Executivo, a multinacional será “a principal beneficiada” pola medida, dado que percibirá “25 millóns de euros“.
Segundo o Executivo, a ampliación do orzamento permitirá a Alcoa “reducir os custos de enerxía e dese xeito mellorar a competitividade da factoría”.
ATENDERANSE TODAS AS SOLICITUDES
Esta suma case duplica os 91 millóns de euros que se destinaron inicialmente á convocatoria de subvencións de 2019, o que permitirá atender as 192 solicitudes recibidas e executar o cento por cento do orzamento autorizado.
Segundo Industria, trátase do maior importe anual concedido ata agora á industria electrointensiva neste tipo de axudas. Por exemplo, o importe concedido en 2017 foi de 83,8 millóns de euros.
Maroto, subliñou que, con esta ampliación das subvencións, o Goberno “cumpre o seu compromiso de apoiar aos sectores industriais”, segundo recolle o comunicado do ministerio.
Na súa opinión, esta decisión “reforza a competitividade das empresas máis intensivas en consumo de electricidade e, xa que logo, máis sensibles aos custos eléctricos”.
Maroto destacou que estas axudas son “especialmente importantes no contexto actual”, ao non “poder aprobar” o estatuto do consumidor electrointensivo por estar o Goberno en funcións.
As axudas concedidas polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para compensar custos de emisións indirectas desde xuño de 2018 ascenden a 256 millóns.
“INSUFICIENTE” PARA ALCOA
O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, adiantou a aprobación deste incremento orzamentario na concentración do pasado xoves polo futuro do complexo industrial de Alcoa na Mariña Lucense. A multinacional xa avanzou que considera esta medida “insuficiente” para garantir a continuidade da planta de aluminio de San Cibrao, polo que os traballadores convocaron á comarca para unha concentración o domingo, 3 de novembro, en Viveiro, para reclamar un “marco enerxético” que permita competir á fábrica de Cervo “en igualdade de condicións” con outros países de Europa.
A XUNTA FALA DE MEDIDA “ELECTORALISTA”
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acusou ao Goberno de “xogar” e de facer “política” e “cálculos electorais” cos traballadores de Alcoa San Cibrao e urxiulle un estatuto electrointensivo para que a compañía produtora de aluminio teña un prezo eléctrico “competitivo”.
“O que ten que dicir é se vai pór a disposición de Alcoa San Cibrao un prezo eléctrico competitivo entre 35 e 40 euros o megawatt/hora (MW/h) que poña a Alcoa en igualdade de condicións con respecto aos países europeos”, subliñou Conde este venres en Vigo.
“O Goberno sabe que a solución non pasa soamente pola poxa de interrompibilidade e polos ingresos de mecanismos de compensación do dióxido de carbono. Estas dúas medidas son claramente insuficientes e o que necesitamos é un estatuto que inclúa un conxunto de medidas que a Xunta lle trasladou“, destacou.