A presidenta da Asociación de Empresas con Gran Consumo de Energía (Aege), Teresa Rasero, da que forma parte Alcoa, e representantes de compañías galegas do sector, mantiveron un encontro co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, para avaliar propostas para mellorar a competitividade da industria electrointensiva en Galicia.
No encontro, tanto a Xunta como Aege coincidiron en demandar que desde o Goberno central se tomen medidas que favorezan un custo eléctrico que permita competir co resto de países europeos e reclamar a “aprobación urxente” por parte do Goberno central do estatuto de consumidores electrointensivos, que garanta un prezo do fornezo de electricidade entre 35 e 40 euros/MWh para competir en igualdade de condicións co resto de países europeos.
Para este estatuto a Xunta e a industria electrointensiva galega xa enviaron as súas propostas a principios de ano, “sen obter ningún tipo de resposta“. Fronte a isto, tal e como lembrou Conde, o Executivo autonómico trasladou aos partidos as liñas básicas que debe recoller o estatuto.
Tal e como lle explicou o conselleiro á presidenta de Aege, entre outras, na proposta galega recóllense medidas de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores, sexan grandes empresas, pemes ou particulares; e a supresión do céntimo verde ao carbón.
Desde Galicia tamén se pide a redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso, para axustar os custos de transporte ao resto de países europeos; e incídese no fomento dos contratos bilaterais a longo prazo. Ademais, recóllese como necesidade irrenunciable a incorporación da categoría do consumidor hiperelectrointensivo.
“CREACIÓN DUN MARCO” PARA INVESTIMENTOS
Na reunión resaltouse que a industria electrointensiva instalada en Galicia exerce un efecto tractor sobre a economía e a súa viabilidade potencia a recuperación económica. O consumo de electricidade neste tipo de industrias chega a supoñer o 50% dos seus custos de produción. Por iso, tanto o conselleiro de Economía, Emprego e Industria como a presidenta de Aege concidiron en que o estatuto debe proporcionar “seguridade xurídica e certeza” para garantir a competitividade da subministración eléctrica ás plantas industriais e dotalas así dun marco que lles permita seguir investindo no país.