Nun contexto convulso, marcado pola parada de 32 cubas na planta de aluminio e polo anuncio da multinacional dun plan de axuste que prevé peches de fábricas nun prazo de cinco anos, arredor de 1.100 traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao terán dereito ao voto nas eleccións sindicais que se celebrarán do 4 ao 8 de novembro, no que os electores elexirán entre tres centrais: Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CC OO).
MENOS OPCIÓNS DE VOTO
As opcións de voto para o persoal de Alcoa, 969 obreiros en activo máis os traballadores con contrato de relevo, quedarán reducidas ás tres forzas maioritarias no comité de empresa –no 2015 CIG e UXT quitaron sete representantes, por seis de CC OO, dous do CSIF e un de APC-. Nos comicios anteriores, quedou sen representación USO.
23 REPRESENTANTES
Os traballadores escollerán 23 representantes do comité de empresa, 17 delegados de especialistas e seis do colexio de técnicos e administrativos. Varía este reparto con respecto aos anteriores comicios sindicais no complexo industrial, cando se elixiron 16 e sete sindicalistas, respectivamente.
A votación celebrarase do 4 ao 8 de novembro, segundo o calendario aprobado polo comité.
No tocante aos líderes das candidaturas, pola CIG repetirá como cabeza de lista Xosé Paleo, de vapor e actual presidente do comité grazas aos votos a favor de CC OO; Jorge Fernández Álvarez, de electrolise e quinto da lista presidida por José Luis Combarro en 2015, encabezará a proposta da UXT; o traballador de fundición José Antonio Zan Vega, pola súa banda, liderará de novo a candidatura de CC OO.
O PROBLEMA DA ENERXÍA, O RETO
Paleo destaca que a CIG foi capaz de “chegar a acordos” e “aglutinar por riba dos intereses de cada central” para acadar “un comité unido. Foi unha lexislatura na que se tomaron practicamente todas as decisións de xeito unánime; asinouse un convenio de consenso“, remarca. Pola súa banda, Fernández Álvarez resalta a “renovación” da UXT nos primeiros postos, xa que o número 2 será Diego Ballesteros, que toma por primeira vez parte nuns comicios sindicais. Zan remarca que non hai grandes cambios en CC OO, “pola necesidade de experiencia en momentos complicados“.
Así o certifican os tres candidatos, que mostran a preocupación do persoal despois de que Alcoa iniciase recortes na planta de aluminio, que ve “inviable” sen un abaratamento da electricidade. “O maior reto que temos diante é visibilizar o grave problema que temos diante”, expón Paleo, “xa que non depende de nós solucionalo, senón facelo ver, porque é unha cuestión política”.
A negociación laboral colectiva queda polo momento a expensas “da supervivencia da fábrica”, porque “sen fábrica non hai convenio“, razoa Fernández. Zan fai fincapé na necesidade de “investimentos de incremento produtivo ou de mellora enerxética” que vaian aparellados ás medidas que se esixen ao Goberno central para acadar un marco enerxético “estable e competitivo”.
MANIFESTACIÓN O DOMINGO
Mentres tanto, os sindicatos traballan na organización da manifestación que se celebrará en Viveiro o vindeiro domingo, que sairá das 12.00 horas do Casino para chegar ao consistorio.
5.000 CARTAS DA FCAM CHEGARÁN Á MONCLOA
Segundo advertiu a Federación de Comercio A Mariña (FCAM), 5.000 cartas -unha por cada un dos empregos que xera o colectivo de comerciantes- chegarán á Moncloa o vindeiro mércores para reclamar ao presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, unha solución para Alcoa.
Os empresarios da Mariña queren visibilizar así o impacto que tería o peche do complexo industrial na economía da bisbarra. Cada unha das Acias da FCAM poñerá ao servizo dos clientes cartas para enviar ao Executivo, coa idea de chegar “ás 80.000”, lembrando ao Goberno central que a deslocalización do aluminio sería “unha catástrofe” para a comarca.