InicioEconomíaComezan as eleccións sindicais en Alcoa, cun censo de 1.145 traballadores

Comezan as eleccións sindicais en Alcoa, cun censo de 1.145 traballadores

Este luns celébrase a primeira quenda de votación; a segunda será o vindeiro mércores, e a definitiva, o venres, cando se saberán os resultados

Publicada o

- Advertisement -

Un total de 1.145 traballadores do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao están chamados a votar desde este luns nas eleccións sindicais da fábrica, das que sairá o décimo sétimo comité de empresa da factoría sancibrense nas súas catro décadas de historia.

O censo total componse de 825 votantes no colexio de especialistas, que elexirán a 17 representantes, e de 320 no de técnicos, que escollerán a seis delegados. Dos 1.145 empregados, 964 son traballadores en activo e 181 teñen contratos de relevo, segundo precisou o comité de empresa.

O persoal de Alcoa poderá elixir entre tres candidaturas: a da CIG, liderada polo presidente do comité durante a última lexislatura, Xosé Paleo; a de CC OO, comandada de novo por José Antonio Zan; e a de UXT, a única que renova cabeza de lista, con Jorge Fernández “Castañón” á fronte.

Os comicios comezaron este luns coa votación das quendas XN, A, E e C de aluminio, e XN, E, C e B de alúmina. O horario será de 10.00 a 18.00 horas e de 21.30 horas a 1.30.

O día 6 está previsto que voten as quendas XN e D de aluminio e XN e A de alúmina, en horario matinal (de 10.00 a 14.00 horas).

Finalmente, o 8 de novembro, venres, serán os obreiros das tandas XN e B de aluminio e XN e D de alúmina, de 8.30 a 12.30 horas, os que emitan o seu sufraxio. Segundo expuxo o comité en funcións, ese mesmo día saberanse os resultados.

CONCORREN TRES SINDICATOS: CIG, UXT E CC OO

Nos pasados comicios deuse unha situación de empate entre CIG e UXT -sete representantes-, por seis de CC OO -que decidiu co seu apoio á central nacionalista-, dous de CSIF e un de APC. Estas dúas forzas non concorren ás eleccións, ao igual que USO, sen representación en 2015.

A PARADA DE CUBAS E O PLAN DE AXUSTE ANUNCIADO PLANEAN SOBRE ALUMINIO

As eleccións sindicais en Alcoa San Cibrao chegan nun momento convulso, cunha parada de 32 cubas na planta de aluminio, que a multinacional considera inviable sen un abaratamento da enerxía. Ademais, a compañía radicada en Pittsburgh (Estados Unidos) anunciou un plan de axuste para un prazo de cinco anos que contempla a redución da produción e o peche de plantas, o que fai temer polo emprego aos traballadores.

Os tres candidatos, de feito, priorizaron visibilizar a comprometida situación da fábrica sen un novo marco enerxético que rebaixe e estabilice o prezo da electricidade sobre a negociación do novo convenio, que será outra das grandes tarefas pendentes do novo comité.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...