
EFE. O presidente da Xunta e do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse este mércores a solucionar a situación que neste momento lastra o futuro da planta que a multinacional Alcoa ten no municipio lucense de Cervo se o domingo o seu partido gaña as eleccións xerais.
“O vindeiro domingo, gañando o PP, o primeiro responsable son eu e asumo esa responsabilidade”, dixo Núñez Feijóo no transcurso dun acto electoral que se celebrou no Hotel Méndez Núñez de Lugo, no que tamén interviñeron o candidato ao Senado José Manuel Barreiro e a presidenta provincial do partido, Elena Candia.
“Estou moi preocupado por Alcoa. Lugo e A Mariña non poderían soportar a pechadura da única fábrica de aluminio primario que hai en España”, dixo o presidente do Executivo galego, unha factoría que dá traballo de forma directa a un milleiro de persoas e representa máis do 30% do Produto Interior Bruto (PIB) da provincia, segundo o dirixente popular.
Durante a súa intervención, Feijóo recordou que “Alcoa é para Lugo o que Citroën é para Vigo“, pero dada a situación actual, cunha empresa que deu perdas en 2018 e volverá dalas en 2019 como consecuencia do elevado prezo da enerxía eléctrica, podería atoparse nunha situación “de pre-peche“.
“Levo once anos como presidente da Xunta e nunca vira unha situación en Alcoa como a que estou vendo agora”, dixo Feijóo, porque o prezo da electricidade está por riba dos 50 euros por megavatio/hora, o que fai que a produción de aluminio primario na fábrica de Cervo non sexa rendible.
Ademais, precisou que a multinacional deu “instrucións a todas as fábricas do mundo” nas que se aclara que aquelas factorías que “non sexan rendibles pecharanse”.
“AVILÉS E A CORUÑA XA NON EXISTEN”
Segundo o seu criterio, Alcoa está en Cervo na “mesma situación” que no seu día estiveron as plantas desta multinacional en “A Coruña e Avilés“, dúas fábricas que “xa non existen”.
Por iso teme que, ante a “inacción” do Goberno, que desde abril “leva realizando promesas que non chegou a cumprir”, a multinacional tome a decisión de pechar a planta, o que supoñería “o batacazo máis importante” para a industria de Lugo “en décadas”.
Si. A mesma “responsabilidade” (ou máis ben a falta dela) coa que asumiu o desastre de Barreras. Un asteleiro en ruína e a corrupción campando por Pemex. De 20 barcos que prometeu, finalmente fixeron só 2. Debe ser que os ceros non contan, verdade Feijoo?