O comité de empresa de Alcoa retomará o mércores 4 de decembro en Foz as concentracións para esixir ao Goberno central un prezo da enerxía que garanta a continuidade da planta de aluminio, que a multinacional -despois de parar 32 cubas- pon en cuestión sen unha electricidade máis barata.
A protesta, segundo anunciaron os sindicatos este luns, será ás 20.00 horas na Praza Conde de Fontao, baixo o lema ‘Enerxía solución: Alcoa sálvase loitando‘. Tralas concentracións de Xove, Cervo e Burela e a manifestación de Viveiro, o comité continúa a levar os actos reivindicativos aos distintos municipios da bisbarra, para concienciar aos arredor de 72.000 habitantes da Mariña Lucense de que se trata dun problema que afecta a todos, dada a incidencia do complexo industrial no tecido socioeconómico da comarca.
A POXA DE INTERROMPIBILIDADE, CHAVE
Namentres o PSOE e Unidas Podemos negocian a formación dun Goberno de coalición tralo preacordo entre as dúas formacións, e non se aproba o estatuto do consumidor electrointensivo, demandado por Alcoa e os sindicatos e comprometido en varias ocasións polo Executivo socialista, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, advirte de que os traballadores están moi pendentes da convocatoria da poxa de interrompibilidade, da que “depende moito a viabilidade da fábrica”.