Os delegados da Unión Xeral de Traballadores (UXT) en Muebles Hermida emitiron o pasado sábado un comunicado no que reclaman unidade e accións “sempre como comité” ante a “gravidade” da situación da empresa, cuxos traballadores padecen impagos das nóminas desde hai tres meses.
O sindicato socialista lémbralle a CIG, que ostenta a presidencia do comité, que “levamos moitos anos advertindo á empresa da necesidade de realizar cambios ante a mala xestión e os erros na produción. Tamén lle fixemos chegar a nosa preocupación pola entrega dos pedidos e atrasos no pago de nóminas, entre outras moitas cousas, sempre con moita claridade e contundencia”, sinala.
A UXT asegura que “levamos dous meses buscando solucións, solicitando apoios institucionais. Tiñamos concertada unha reunión co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Javier Conde, para implicalo na procura de solucións inmediatas que se atrasou por mor das negociacións pola posible venda da empresa”.
Neste sentido, a central contesta ao sindicato nacionalista, que iniciou protestas -a vindeira será o 28 de novembro– de forma unilateral para reclamar o pago dos salarios adebedados e sostivo que se o cre oportuno “dará en solitario un paso máis cun novo e máis contundente calendario de mobilizacións“.
A ÚLTIMA REUNIÓN DO COMITÉ, O 25 DE XUÑO
A UXT sostén que a última reunión do comité -formado por dous delegados de cada central e un independente– “foi o pasado 25 de xuño, a petición nosa”, e que malia a petición realizada para manter unha reunión coa dirección de Muebles Hermida, “uns días máis tarde a CIG reuniuse de forma unilateral coa empresa“. Dese xeito, o sindicato socialista optou, afirma, por “transmitir pola súa conta aos empregados a información que nos dá a empresa”.
“Estamos dispostos a calquera tipo de acción para solucionar a grave situación que os traballadores de Muebles Hermida estamos sufrindo. Pero sempre como comité e nunca indo cada un polo seu lado”, conclúe a UXT.