InicioEconomíaAlcoa esixe "medidas urxentes" e insiste en que producir aluminio en Cervo...

Alcoa esixe “medidas urxentes” e insiste en que producir aluminio en Cervo é “inviable” sen luz máis barata

Ante as condicións da poxa de interrompibilidade, a multinacional di que "de momento non está previsto" tocar o emprego pero asegura que a situación de San Cibrao é "complicada"

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa valorou as condicións da subasta de interrompibilidade para o primeiro semestre de 2020, amosadas polo Goberno central este martes. A a multinacional insiste en que a planta de aluminio primario de San Cibrao, “unha das principais prexudicadas” polos cambios na poxa, está nunha situación “complicada” e “é inviable sen medidas urxentes que revirtan a situación”.

A compañía estadounidense confirma que participará na subasta “para obter o maior valor posible para planta de San Cibrao, a única produtora de aluminio primario de España“. Con todo, a redución da potencia interrompible a subastar –de 2.340 a 1.000 MW– e a fragmentación dos bloques -o Executivo central elimina os paquetes de 40 MW, ofertando 200 de 5 MW- supón un revés para a firma.

A FRAGMENTACIÓN DOS BLOQUES: DE 90 A 5 MW

“Lamentablemente para Alcoa e para a industria electrointensiva, reduciuse significativamente a potencia a subastar, e elimináronse os bloques de 40 MW para o primeiro semestre de 2020″, explican fontes da multinacional. Os paquetes de maiores cantidades subastados caeron nos últimos exercicios primeiro dos 90 MW aos 40 MW e finalmente aos 5 MW, o que o Goberno considera positivo para abrir a poxa a un maior número de participantes. Unha situación que prexudica a Alcoa e á planta de aluminio de San Cibrao, altamente dependente da enerxía eléctrica, que supón o 40% dos seus custos de produción.

“Nesta ocasión, a redución é aínda máis drástica que nas subastas previas, xa que a cantidade a subastar é menos da metade que na anterior, e iso sen dúbida vai supoñer un incremento do prezo da enerxía eléctrica que consumimos, afectando en maior medida á industria máis electrointensiva, como é o aluminio primario”, expoñen as mesmas fontes, que lamentan que “cos bloques de 90 MW, premiábase a aquelas empresas que podían achegar ao sistema maior capacidade en caso de necesidade. Xa non é así”, critican.

“A ENERXÍA SERÁ MÁIS CARA”

A interrompibilidade é unha ferramenta de xestión que asegura que, no caso dunha demanda de electricidade maior da asumible -por exemplo, a causa da climatoloxía-, se poida garantir o subministro grazas a unha redución do consumo por parte das grandes empresas, previa orde. A cambio, as empresas perciben unha retribución económica.

Máis alá de insistir na suba do prezo da enerxía, Alcoa non fai por agora cálculos máis concretos sobre o impacto das condicións da poxa e asegura que “o alcance confirmarase cando se celebre a subasta, no 16 de decembro”. Con todo, reitera que “se non se adoptan medidas urxentes que revirtan a situación, a produción de aluminio primario en España é inviable. Esta situación prodúcese cando nas anteriores subastas para 2018 e 2019 xa houbo sucesivas reducións significativas dos servizos de interrompibilidade“.

SEN NOVAS DO ESTATUTO

Preguntadas polas mencionadas medidas, as fontes da multinacional non concretan cales son necesarias, pero si insisten no obxectivo: “que o custo da enerxía eléctrica estea en liña cos que teñen países como Alemaña ou Francia“.

Os traballadores levan meses avisando do seu temor a que Alcoa faga recortes de persoal ante a situación de aluminio, que a multinacional recoñece “complicada”. Sobre posibles despedimentos, a firma estadounidense asegura que “non hai neste momento medidas previstas, pero non se pode obviar que o prezo da enerxía é fundamental e é o principal factor de competitividade. San Cibrao é competitiva en todos os factores salvo na electricidade, que é algo que non depende de nós”, afirman, para engadir que “non temos novas” sobre o estatuto das electrointensivas.

O GOBERNO PROMETERA “AS MESMAS CONDICIÓNS”

Na súa visita a San Cibrao, a ministra de Industria en funcións, Reyes Maroto, comprometera para a primeira metade de 2020 unha prórroga das condicións da poxa de interrompibilidade para o último semestre de 2019. Diante desta situación, a empresa estadounidense mostra a súa “decepción“, sen afondar máis nesta cuestión.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...