InicioEconomíaOs obreiros de Alcoa levarán as protestas a Lugo o 14 de...

Os obreiros de Alcoa levarán as protestas a Lugo o 14 de decembro

Unhas 5.000 persoas acudiron á concentración convocada en Foz para reclamar un prezo da enerxía que favoreza a continuidade do aluminio na Mariña

Publicada o

- Advertisement -

Unhas 5.000 persoas, segundo os sindicatos, concentráronse este mércores na Praza do Conde Fontao de Foz para reclamar ao Goberno central un abaratamento do prezo da electricidade que facilite a continuidade da planta de aluminio de Alcoa, que a multinacional ve “inviable” sen unha rebaixa da tarifa eléctrica. Os traballadores anunciaron que o vindeiro 14 de decembro, ás 12.00 horas, protestarán pola situación da fábrica ante a Subdelegación do Executivo, en Lugo.

“Temos que ir a petar á porta de quen ten a solución”, expuxo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, que desexou que a concentración na capital da provincia “que ten que ser un éxito non só pola fábrica, senón por toda A Mariña”.

O sindicalista agradeceu á bisbarra “o alarde de loita que está a facer” e tamén a presenza de obreiros da Coruña e Avilés, plantas que Alcoa vendeu ao fondo suízo Parter, onde as electrolises están paradas. A situación destas dúas fábricas supón un aviso para os traballadores de San Cibrao, que insistiron ao longo dos meses que Cervo “vese no espello” das factorías coruñesa e avilesina.

“AS PEAXES SOBEN 13 EUROS O PREZO DO MEGAVATIO”

Zan insistiu en que a reivindicación dos obreiros e da empresa dunha rebaixa do prezo da luz “é xusta, temos que concienciarnos diso. Non pedimos subvencións, senón poder traballar”, indicou. “Non queremos ser europeos de segunda nin de terceira“, espetou.

Zan recoñeceu que o prezo do megavatio “estivo en agosto a 45 euros (polos 65 do mesmo mes de 2018), e no de setembro a 42“, preto dos niveis que demanda Alcoa -que reclama un custo de entre 30 e 35 euros-, pero o sindicalista remarcou que “un montón de peaxes soben máis de 13 euros o prezo final da luz, mentres que en países como en Noruega o incremento é dun euro”. Así, lamentou que a subasta de interrompibilidade, instrumento que se utiliza para aliviar o custo da electricidade ás grandes consumidoras, “practicamente desapareceu para as electrointensivas, que terán que competir na poxa coas cementeiras, o que é unha barbaridade”.

“Esperamos como auga de maio ese estatuto das electrointensivas; sen el non poderemos falar dun goberno progresista senón de retroceso, porque non haberá industria nin futuro para este país”, argumentou, para pedir aos políticos e alcaldes da Mariña “que falen cos seus partidos para procurar solucións, porque están para iso, non para xerar problemas”.

CAJOTO APELA Á “UNIDADE” PARA LOITAR “POLA NOSA FÁBRICA”

Pola súa banda, o alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, apelou á “unidade de todos” para loitar por “un obxectivo común: o futuro da nosa fábrica, Alcoa, Alúmina-Aluminio, Inespal. Sabemos que a planta non é competitiva sen o prezo actual da enerxía eléctrica e que pelexamos nun mercado global no que calquera factoría corre o risco de deslocalizarse”, indicou, para salientar que “unha poxa de interrompibilidade sen bloques de 40 MW é unha moi mala nova“.

“Necesitamos altura de miras, un Executivo de forma urxente, que dea solución ao problema e que garanta un prezo de enerxía que faga competitiva á planta. En Foz, en Santiago ou Madrid, escoitarase a voz da Mariña”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...