Representantes do Bloque Nacionalista Galego (BNG), entre eles o deputado no Congreso, Néstor Rego, e a voceira nacional, Ana Pontón, entrevistáronse este martes no complexo industrial de San Cibrao co comité de empresa de Alcoa. A formación frontista condiciona un voto favorable á investidura de Pedro Sánchez á “unha solución” para o futuro da planta de aluminio sancibrense e “da industria electrointensiva galega”.
Nunha presenza simbólica por canto rexeitou acudir, este mesmo martes, á rolda de consultas para a investidura convocada por Felipe VI, Rego asegurou que trasladou ao comité “todo o noso apoio ao que entendemos como unha xusta demanda”, no tocante á reclamación dos sindicatos de que o Goberno central asegure un prezo da enerxía eléctrica que favoreza a competitividade da planta de aluminio, que Alcoa ve “inviable” sen luz máis barata.
O deputado nacionalista no Congreso asegurou que “non se pode comprender que un país que é produtor excedentario de enerxía teña un problema cos custos enerxéticos que faga que as empresas, moitas delas fundamentais, non sexan competitivas e estea en risco perder milleiros de postos de traballo”. Así, reivindicou “unha tarifa eléctrica galega, que abarate a luz para todos, desde a industria hiperelectrointensiva ata os pequenos e medianos empresarios, e tamén para os fogares”.
Ademais desta medida, cuxa aprobación considerou necesaria a medio-longo prazo, Rego requeriu doutras iniciativas “de maneira moito máis inmediata”, como o “estatuto do consumidor electrointensivo, prometido desde hai meses” polo Executivo socialista. Este documento “está colocado dentro das negociacións co PSOE para a investidura. Cremos que se debe resolver xa e non é desculpa que o Goberno estea en funcións para adiar máis a súa publicación”, argumentou, salientando que “a prioridade” é “o mantemento dos postos de traballo, especialmente nunha comarca coma esta, onde Alcoa ten un peso determinante“.

CRITICAN A “FALTA DE LIDERADO” DA XUNTA
Pontón, pola súa banda, remarcou que as decisións do Goberno central, en alusión ás condicións da poxa de interrompibilidade, “non están a supoñer osíxeno para o futuro dunha empresa fundamental para A Mariña Lucense e para Galicia, senón o estrangulamento“. A voceira nacional do Bloque amosouse crítica coa “falta de liderado” do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a quen acusou de volver de Madrid, onde se reuniu coa ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, “coas mans baleiras” e “sen solucións para As Pontes e Alcoa, para a crise industrial que estamos a vivir”.
“É indefendible, un expolio á riqueza deste país, que producindo electricidade a esgalla Galicia teña postos de traballo en risco polos custes da luz. Necesitamos respostas que dependen da vontade política; se Pedro Sánchez quere o voto do BNG para ser investido presidente do Goberno terá que haber unha solución para o futuro de Alcoa e para a industria electrointensiva, para que teñamos beneficios por ser produtores netos”, sostivo Pontón, que subliñou que “o desbloqueo da situación política” ten que ir aparellado a “medidas para evitar o desmantelamento industrial. Non hai futuro para un país sen industria”, remarcou.
“DISCRIMINACIÓN”
A responsable do Bloque considerou que detrás do prezo da enerxía “hai unha decisión política” que provoca que “as nosas fábricas non poidan competir. Iso é unha discriminación, e aínda por riba as eléctricas estanse a forrar explotando os nosos recursos naturais“, criticou, para demandar que “as compensacións que teñan as empresas electrointensivas” estean condicionadas “a compromisos co emprego e co medio ambiente“.
RECLAMAN A MESA DE SEGUIMENTO POLO FUTURO DA PLANTA
Pontón reclamou ao Goberno “que sente a falar xa” cos traballadores e coa empresa e que convoque a mesa de seguimento polo futuro da planta de aluminio comprometida pola ministra de Industria, Reyes Maroto. A voceira nacional da formación frontista mostrou tamén o seu respaldo á concentración que o comité de empresa prepara para o vindeiro sábado en Lugo.
A XUNTA RECLAMA “MÁIS MEDIDAS”
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sostivo este luns que a poxa de interrompibilidade “tal e como está exposta sería a antesala do peche de Alcoa” se “non hai máis medidas”.