InicioEconomíaSindicatos e industria pesada piden unha convocatoria extraordinaria de interrompibilidade

Sindicatos e industria pesada piden unha convocatoria extraordinaria de interrompibilidade

A deputada do Grupo Común da Esquerda Luca Chao, que se entrevistou co comité de Alcoa, esixe ao Goberno a constitución da mesa de seguimento da planta "antes de que sexa tarde"

Publicada o

- Advertisement -

A deputada autonómica do Grupo Común da Esquerda, Luca Chao, reuniuse este mércores co comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, a quen lle trasladou o apoio da formación fronte á situación de incerteza que planea sobre a planta de aluminio, que a multinacional considera “inviable” sen unha electricidade máis barata.

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, trasladoulle á voceira do Grupo Común da Esquerda as demandas dos traballadores de Alcoa: a necesidade de que o Goberno do Estado “tome medidas válidas a longo prazo para asegurar un prezo estable e competitivo da electricidade” para o sector do aluminio, “estratéxico para Galicia e para o conxunto do Estado español”.

“Urxe facer un chamamento claro ao Goberno en funcións para que se comprometa a regular o prezo da enerxía para acadar a estabilidade que a industria do aluminio precisa”, apuntou Chao ao remate da xuntanza. “Non podemos seguir mirando cara a outro lado mentres se desmantela a industria do noso país; temos que lembrar que nos dez anos de Goberno de Alberto Núñez Feijóo se destruíron 22.500 empregos industriais en Galicia”, engadiu. Chao tamén instou o Goberno en funcións a cumprir “de xeito inmediato” co seu compromiso de convocar a mesa de seguimento de Alcoa “antes de que sexa tarde”.

CONCENTRACIÓN O SÁBADO

Os representantes do Comité de Empresa tamén manifestaron a súa preocupación pola posibilidade de peche da empresa ante a baixa competividade  da industria galega fronte aos prezos da enerxía de países veciños como Francia ou Portugal, cos que esixen unha equiparación. “Non pedimos sequera a equiparación con países como Noruega ou Alemaña, senón algo moito máis accesible como a igualdade cos países veciños, porque senón esta empresa non vai aguantar moito máis e marchará a algún deses países, o que suporía un enorme fracaso”, expuxo finalmente Zan.

O comité ten unha mobilización convocada para este sábado ás 12.00 horas diante da Subdelegación do Goberno de Lugo para esixir solucións inmediatas ao Goberno do Estado, á que tamén acudirá Chao.

CARTA AOS MINISTERIOS DE INDUSTRIA E PARA A TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Por outra banda, os dous grandes sindicatos a nivel estatal –CC OO e UXT– uníronse á Asociación de Empresas con Gran Consumo de Enerxía (AEGE), da que forma parte Alcoa,  e á Unión de Empresas Siderúrxicas (UNESID), para enviar un comunicado aos Ministerios de Industria e para a Transición Ecolóxica no que manifestan “disgusto” e “grande preocupación” polas condicións da poxa de interrompibilidade para o primeiro semestre de 2020, con menos potencia a subastar -de 2.340 MW a 1.000 MW- e a fragmentación dos bloques, coa eliminación dos lotes de 40 MW, os máis beneficiosos para a industria pesada. Cualifican a convocatoria de “arbitraria”.

Os asinantes da carta consideran que houbo tempo suficiente para desenvolver metodoloxías alternativas e para, na súa falta, propiciar o mantemento en 2020 da situación vixente, como fixo Portugal. “Entendemos que en 2020 deberíase atopar un novo mecanismo que satisfaga a todas as partes, de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2021”, afirman.

Por iso, cren que “non é de recibo” que se modificaron as regras do xogo “de forma tan drástica”, a menos dun mes do inicio do vindeiro exercicio, xa que provocará “un serio prexuízo á posición competitiva da industria española, que é o mellor xerador de emprego de calidade, de innovación e de progreso no país”.

Ante esta situación, as patronais do sector e sindicatos pedíronlle ao Goberno medidas “urxentes e certas” que revertan a situación creada coa convocatoria de poxas para o primeiro semestre de 2020.

Sindicatos e patronal aseguran que “soportamos unha fenda de entre 20 e 25 euros por megavatio/hora respecto á competencia francesa ou alemá“, e instan a acadar “uns prezos predecibles” cunha “convocatoria extraordinaria de subastas” que alomenos iguale as cantidades postas á venta nas anteriores poxas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...