As tres forzas políticas –PSdeG-PSOE, PP e BNG– da corporación de Lourenzá aprobaron este xoves unha declaración conxunta coa que queren transmitir “unha mensaxe esperanzadora de cara ao futuro” de Muebles Hermida.
A empresa solicitou o concurso voluntario de acredores, que foi aceptado polo Xulgado do Mercantil de Lugo. O xuíz designou como administrador concursal da firma ao economista lucense Javier Reigosa, que o pasado mércores mantivo as primeiras xuntanzas coa dirección e cos sindicatos, unhas reunións nas que segundo os representantes dos traballadores se mostrou “optimista” de cara ao futuro de Muebles Hermida.
O comité de empresa solicitou ao administrador concursal que negocie coa banca para desbloquear o pago dos salarios atrasados. Muebles Hermida adebeda aos seus 95 traballadores tres meses, que serán catro o vindeiro domingo, 15 de novembro.
As tres forzas da corporación instan a Deputación de Lugo e Xunta de Galicia a que ofrezan o seu “apoio” para “o relanzamento da actividade“.