O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, dixo que ou o Goberno de España leva “medidas concretas” ao Consello de Ministros para abaratar o prezo da enerxía para as industrias electrointensivas, ou poderiamos estar na “antesala do peche” de Alcoa” en San Cibrao.
“Non hai ningún tipo de dúbida de que, neste momento, a Xunta de Galicia está á beira dos traballadores. Estivémolo desde o primeiro momento, identificando diferentes vías para trasladar unha solución desde o punto de vista do prezo da enerxía. Neste momento, tanto os traballadores como o Goberno autonómico estamos enormemente preocupados“, afirmou Conde.
Esa preocupación vén derivada, argumentou, pola “falta de reacción por parte do Goberno” e da convocatoria dunha poxa de interrompibilidade para a semana que vén que “reduce enormemente as posibilidades de continuar coa actividade en Alcoa San Cibrao”.
Segundo o conselleiro, “se non hai unha mensaxe e unha concreción por parte do Goberno, con medidas complementarias como as suscitadas pola Xunta de Galicia, lamentablemente podemos estar na antesala do peche de Alcoa”.
“Esa preocupación é compartida pola Xunta e os traballadores”, engadiu, o que motiva que o Goberno galego “siga reclamando”, como xa o fixo o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a semana pasada na súa reunión coa ministra de Transición Ecolóxica, “medidas concretas” para que haxa “unha resposta”.
A resposta, insistiu, ten que ser “un prezo eléctrico competitivo“, en “igualdade de condicións” con outros países da Unión Europea, porque “é posible” adoptalas desde o punto de vista normativo.
O Goberno pode levala ao “Consello de Ministros incluso estando en funcións”, polo que lle pedimos “responsabilidade“, concluíu.