EFE. A conselleira do Mar de Galicia, Rosa Quintana, pediu este luns a España que defenda o mantemento en 2020 do tope de capturas de pescada sur e confiou na reapertura da pesquería da cigala sobre a base dos últimos informes científicos.
Quintana, que este luns e martes asiste a un Consello de ministros europeos de Agricultura e Pesca no que se negocian os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas no Atlántico e o Mar do Norte para o próximo ano, opinou que “hai marxe” para mellorar a proposta suscitada por Bruxelas.
“No caso da pescada pedimos que se aplique o rango máis alto que nos pode favorecer”, dixo a conselleira, que opinou que pedir que o recorte se modere ao 3% sería “unha nova mala, pero non tanto como a proposta da CE” (que pide que sexa do 20%).
Segundo a conselleira galega, “aplicando en rango máis alto recuperariamos un 47% da biomasa, mantendo as mesmas posibilidades de pesca que en 2019″, e por iso desde Galicia “demandamos ser capaces de conseguir un ‘roll over‘ (mantemento)”.
Nese contexto, explicou que Galicia pediu ao Ministerio de Agricultura e Pesca “que defenda esta postura cos argumentos científicos de que se pode recuperar o caladoiro, que é algo que nos preocupa a todos”.
CIGALA
Sobre a cigala, segundo Quintana “os científicos tamén teñen que reflexionar. Non sempre os algoritmos que aplican se corresponden fidedignamente coa realidade”, dixo a conselleira, que asegurou que nos últimos tres anos constatouse un incremento da biomasa de cigala e confiou que iso permita “que o sector poida seguir facendo a operatividade da extracción”. Nese contexto, dixo ser “optimista“.
XURELO
En canto ao xurelo -especie para a que a Comisión Europea propuxo un recorte de arredor dun 50% de media entre augas do Cantábrico e ao sur de Fisterra- Galicia defende o seu incremento na zona que vai de Fisterra cara ao sur, tendo en conta que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), propón unha suba de máis dun 20%.
PIDE MÁIS PESO PARA OS CRITEIROS SOCIOECONÓMICOS
Segundo Quintana, a primeira reunión celebrada no Consello sobre a negociación pesquera “puxo sobre a mesa unha posición que comparten os ministros de distintos países e que consolida a tese que defendemos en Galicia, que é de manter un equilibrio medioambiental, social e económico“.
Considerou que esa constatación “é unha boa noticia” e confiou en que a CE “reflexione sobre esta posición”.
CASE 40 MILLÓNS DE EUROS DE IMPACTO NA BISBARRA
“Desde Galicia, en prácticamente todos os caladoiros onde traballa a nosa flota logrouse o Rendemento Máximo Sostenible (RMS) e temos que seguir traballando para manter os stocks nesa boa situación de biomasa pero sen prexudicar os aspectos sociais e económicos aparellados”, sinalou.
Segundo expuxo a Xunta durante a celebración do Consello Nacional de Artes de Pesca, en Burela, A Mariña Lucense padecería un impacto de case 40 millóns de euros de prosperar os recortes propostos nas pescadas de augas ibéricas e do Gran Sol, ambos de arredor do 20%.