InicioEconomíaA frota valora as "solucións" acadadas para a pescada sur e o...

A frota valora as “solucións” acadadas para a pescada sur e o xurelo, que alivian aos barcos do litoral

A "parte gris" do resultado do Consello de Ministros da UE nos que se negociaron TACs e cotas para 2020 foi o recorte do 20% da pescada de Gran Sol

Publicada o

- Advertisement -

A frota da Mariña Lucense valora os resultados do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (UE), no que se negociaron os Totais Admisibles de Capturas (TAC) e cotas para o ano 2020. “Os problemas principais tiveron solución”, expón Suso Lourido, de Porto de Celeiro, en alusión á redución do recorte previsto na pescada sur ou de augas ibéricas -do 20 ao 5%- e á solución procurada para o xurelo do Cantábrico noroeste, que malia padecer unha baixada do 40% equilibrarase coa amplicación da bolsa de flexibilidade ata o 80%, que permitirá pasar o cupo de Gran Sol á costa se é necesario.

Os consultados coinciden en resaltar que se partía dunha situación inicial complicada. “Nas previsións as cousas pintaban moi mal para litoral, arrastre, cerco e artes menores, que son os máis beneficiados do resultado”, indica Sergio López, da Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo. Exemplifica esta lectura na cabala, cun aumento do 41% nas posibilidades de pesca, e do xurelo, “que queda resolto coa ampliación da flexibilidade e probablemente non vai ter minoración”. Neste sentido, Lourido concorda en que “deste xeito imos arranxar o problema”.

“O PUNTO DE PARTIDA ERA MOI COMPLICADO”

No tocante á pescada sur, o recorte do 20% proposto quedou nun 5%, o que para López “podíase reducir aínda máis a un 3%, pero con todo é un bo resultado. A frota de litoral sae ben parada porque se revertiron as malas propostas que facía a Comisión Europea”, argumenta.

O patrón maior de Burela e presidente da Federación Española de Confrarías, Basilio Otero, lamenta que a pescada sur “ten xa un stock moi escaso que deberamos maximizar. O Goberno ten que traballar en constituírse e sacar a nova normativa para pasar cotas de pesca entre as diferentes artes. Hai frotas ás que lles sobra pescada e outras que teñen falta dela. Con diferencia, palangre de fondo e volanta de caladoiro nacional son as máis dependentes desta posibilidade”, resume.

Otero reforza a idea de que se partía “dunha situación moi complicada, reducións brutais nalgunhas especies, que se conseguir reducir e revertir. Así, cre que “hai que felicitar ao ministro de Pesca, Luís Planas, e tamén á conselleira de Mar, Rosa Quintana, porque está visto que se fixo un bo traballo”.

No tocante á pescada de augas europeas, que se captura en augas escocesas e irlandesas (zona 6), Gran Sol (zona 7) e a parte francesa do Golfo de Biscaia (zona 8), afrota relativiza que non se conseguise aliviar o recorte proposto do 20% dado que non hai stock.

O RECORTE NA PESCADA DE GRAN SOL, AMORTIGUADO POLA FALTA DE STOCK

“Ogallá puideramos pescar toda a cota que temos a día de hoxe, pero a baixada non vai significar unha redución da produción ata que volva repuntar o stock cos ciclos naturais. Hai anos aumentara o TAC, agora baixa máis ou menos nas mesmas proporcións, polo que podemos cualificalo de equilibrio técnico”, argumenta Lourido.

Pola súa banda, López considera que “a nosa intención era que a redución fose do 10% ou acadar un roll over (prórroga das condicións), porque independentemente de que se pesque ou non, sempre é mellor ter cota sobrante, pois nunca sabes se che vai facer falta porque capturas máis ou para intercambiala por outras especies“, sinala.

“Non se chegou a tocar. O ministro díxonos que non era unha prioridade, porque suporía sacrificar outras cousas nas negociacións, e outros países non fixeron a suficiente forza. Para nós é a parte gris deste Consello”, expón López, que lembra que “a pescada é a especie número un en facturación en Burela e en Galicia, a de maior impacto socioeconómico. Pero quizais era máis prioritaria a de caladoiro nacional, porque xa vén arrastrando recorte sobre recorte”, concede.

“Calquera recorte é malo e está claro que afecta a moita frota, moi importante“, razoa Otero, que con todo sinala que os buques que faenan en Gran Sol “están máis pendentes do que ocorra co Brexit“.

CRÍTICAS AO PECHE DA CIGALA

O patrón maior de Burela tamén valora incrementos do total de capturas admitido para especies como galo ou abadexo. Móstrase máis crítico coa renovación do peche da cigala, que cualifica de “penoso e lamentable“, xa que salienta que “os informes presentados por España acreditan a mellora da especie”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...