A poxa de interrompibilidade continuou este mércores con malos presaxios para os empregados de Alcoa San Cibrao. A falta de confirmación oficial por parte de Red Eléctrica Española (REE) e da multinacional, a subasta de interrompibilidade reduciu drasticamente a cantidade a repartir entre as empresas participantes. Unha nova á que se sumou o anuncio do peche da planta de alúmina de Texas, co que a compañía inicia o plan de axuste avanzado en outubro.
Segundo recolleu El Periódico de la Energía, o resultado da subasta para os primeiros meses de 2020 caerá un 95%, polo que repartirá cinco millóns de euros, fronte aos 96 garantidos na poxa para o último semestre de 2019.
A publicación basea este prognóstico en que os primeiros 50 bloques de cinco MW subastáronse a un prezo medio de 8.414 euros/MW/ano, un 88% do custo de promedio dos mesmos lotes no pasado mes de xuño.
Os traballadores temen o peor despois dunha subasta na que Alcoa é a principal prexudicada das novas condicións de partida e tralo anuncio do peche da planta de alúmina de Point Confort, Texas, segundo informou Economía Digital ou medios estranxeiros como Aluminum Insider.
Segundo este medio, o conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey, anunciou o peche asegurando que a factoría “non é rentable” debido á caída dos prezos e avanzou que a multinacional desembolsará 160 millóns de euros para levar a cabo o seu peche definitivo. Un total de 45 empregados traballan na planta texana.