InicioEconomíaO comité prevé que Alcoa non quite beneficio da interrompibilidade e acusa...

O comité prevé que Alcoa non quite beneficio da interrompibilidade e acusa ao PSOE de “atacar” á Mariña

Os sindicatos culpan ao Goberno de "mandar ao recuncho dos castigados" ás electrointensivas coas condicións da poxa e esixen medidas "ante un desastre industrial de difícil saída"

Publicada o

- Advertisement -

O comité de empresa do complexo industrial de Alcoa San Cibrao ofreceu este xoves unha rolda de prensa na que fixo balance da subasta de interrompibilidade, que rematou sen que por agora trascenderan os resultados, e tamén da ronda de entrevistas que mantivo cos partidos políticos en Madrid. Respecto da poxa, os obreiros temen que para a multinacional “o custo de parar as cubas” en caso de necesidade do sistema eléctrico “sexa maior ca o beneficio obtido“, e no tocante ás conversas móstranse críticos co partido do Goberno central en funcións, o PSOE, ao que acusan de “atacar” á industria electrointensiva e de levala a “un desastre de difícil saída“.

O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan (CC OO), cualificou as condicións da poxa de interrompibilidade, coa redución en 1.340 MW da potencia a subastar e a fragmentación dos bloques, eliminando os lotes de 40 MW, de “ataque ás electrointensivas“, e alertou de que se produza “a segunda reconversión industrial meirande en España despois da de 1986″.

CULPAN Á MINISTRA DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Zan asegurou que a situación xerada pola poxa, que segundo algúns medios tería reducido nun 95% -de 96 a cinco millóns de euros- o diñeiro repartido entre as empresas, é “un desastre industrial de difícil saída”. Unha situación que atribúe ao Executivo central do PSOE, “máis que irresponsable, porque actuou a sabendas. Quen elaborou os mecanismos da subasta e obrigou a competir ás grandes empresas coas pequenas sabía o que facía; mandou ás electrointensivas ao recuncho dos castigados“, afirmou.

Deste xeito, mostrouse especialmente crítico co Ministerio de Transición Ecolóxica, que encabeza Teresa Ribera, “porque traballou para isto, con nocturnidade e alevosía“.

O REPARTO NA SUBASTA CAEU “DE 550 MILLÓNS A CINCO”

Neste sentido, Zan deu por válidas as informacións publicadas por algúns medios e lamentou que “se repartirá un 95% menos ca o ano anterior, que xa era máis baixo no tocante ás adxudicacións. Se o resultado da subasta son cinco millóns, só hai que comparalo cos 550 millóns repartidos en 2015 para comprender a situación”, explicou.

O presidente do comité censurou as “mentiras” da ministra de Industria, Reyes Maroto, dado que en San Cibrao comprometeu unhas condicións da poxa de interrompibilidade similares ás da convocatoria do pasado mes de xuño. Así, cualificou a actitude do Executivo socialista de “ataque á Mariña Lucense, poñendo o peor escenario e o peor Nadal para esta empresa en 40 anos e acabando coa produción de aluminio español”.

Zan remarcou que a fábrica de aluminio, que Alcoa ve inviable sen un abaratamento da enerxía eléctrica, “é fiable e cun mercado máis que de futuro; só hai que ver como Arabia Saudí aposta por facer macrofábricas e ampliacións das mesmas”. Salientou ademais que Alcoa “anunciou que fabricou o primeiro aluminio verde, e esta factoría, polo sistema de produción Pechiney, podería producilo sen dar contaminación de CO2. En lugar de aproveitar esta oportunidade”, argumentou, “permitimos que países que non aproban acordos internacionais sobre a redución de emisións vendan en Europa“.

“QUITÁRONNOS UN PARCHE E IMOS COA RODA PINCHADA”

Xosé Paleo, voceiro da CIG, admitiu que a solución para San Cibrao “non é a interrompibilidade”, pero cualificou as condicións da poxa de “ridículas. Se non sacan outras medidas complementarias, puxeron o último cravo no cadaleito da nosa fábrica e da industria do norte do Estado. Tiñamos un parche e quitáronnolo, e agora imos coa roda pinchada”, concluíu.

“Fai anos, alúmina presentábase tamén á poxa e concorría aos bloques pequenos, por se podía obter algún beneficio. Esa planta non é un taller no que baixas e sobes o machete, é como unha cociña, dixiere, filtra, se lle quitas o gas a unha comida que se está a facer non é o mesmo, pode ocasionar mesmo problemas de seguridade. Prodúcese un trastorno grave cada vez que ten que parar, por iso se deixou de ir á subasta; isto pode pasar con aluminio“, argumentou Paleo.

“TERRORISMO INDUSTRIAL”

Pola súa banda, Jorge Fernández Castañón (UGT), asegurou que “nas conversas que mantivemos con representantes do PSOE, díxosenos que se estudaban medidas complementarias, polo que deducimos que o prometido estatuto das electrointensivas non será suficiente. Mentíronnos á cara e siximos medidas xa”, asegurou, para acusar ao Goberno central de practicar “terrorismo industrial“, o mesmo termo empregado por un ministro do  Executivo socialista da época, Carlos Solchaga, para presionar ao comité de empresa durante o conflito do Casón.

“O GOBERNO QUERE ELIMINAR CALQUERA INDUSTRIA CONTAMINANTE”

Alberto Pulpeiro, tamén de CC OO, asegurou que “a postura do Goberno é ideolóxica, pretenden eliminar calquera industria que sexa foco de contaminación; o lóxico é manter a produción reducindo as contaminacións”, razoou.

“OS ÚNICOS QUE NON FALAN CLARO SON OS QUE TEÑEN QUE LEXISLAR”

Respecto das reunións mantidas cos partidos políticos en Madrid -só Ciudadanos non concedeu unha xuntanza aos traballadores-, Zan asegurou que “os únicos que non din nada claro son os que teñen que lexislar”.

O presidente do comité enumerou os compromisos de BNG, que se comprometeu a condicionar o voto á investidura de Pedro Sánchez a un marco enerxético para as electrointensivas; PP, que asegurou que apoiaría calquera mecanismo para reducir o prezo da enerxía; e Unidas Podemos, que afirmou que introducirá a problemática nas conversas para chegar a un acordo programático de Goberno cos socialistas. “O PSOE, quen pode dar a solución, non dixo outra cousa que moi boas palabras e ningún feito”, xulgou.

Paleo explicou que a única medida complementaria “concretada” polos representantes dos socialistas é solicitar a Bruxelas aumentar a 300 millóns as compensacións indirectas para as empresas por emisións de CO2, un dos dous mecanismos utilizados polo Estado para aliviar ás electrointensivas o prezo da luz, xunto coa interrompibilidade. O Executivo socialista cifrou en 25 millóns o percibido por Alcoa en 2019 a través deste programa. “Temos a sensación de que este tema non é prioritario” para o Goberno socialista, dixo o representante da CIG.

SOLICITAN ANTICIPAR A MESA DE SEGUIMENTO

Zan expuxo que o comité está á espera, tras realizar unha solicitude ante a situación da fábrica, de que o Goberno en funcións adiante a primeira reunión da mesa de seguimento de Alcoa, prevista para o 15 de xaneiro, “para que se faga canto antes”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...