Os traballadores de Muebles Hermida cobraron este martes medio mes -o de agosto-, dos catro que lles adebeda a empresa de Lourenzá, que solicitou o concurso voluntario de acredores pola súa situación económica.
Os 97 empregados da empresa laurentina tiveron así un pequeno respiro nun Nadal que se presenta complicado. O administrador concursal comprometerase a desbloquear o pago dese medio mes, que asumirá Muebles Hermida, e tramitou as solicitudes dos obreiros ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) para cobrar os salarios de setembro, outubro e novembro.
O mes de decembro, segundo concretou o presidente do comité de empresa, Manolo Franco, meterase para xaneiro, o que completaría o tope máximo de 120 días que paga este organismo adscrito ao Ministerio de Traballo.
Á ESPERA DO INFORME DO ADMINISTRADOR CONCURSAL
O persoal segue pendente de elaboración do informe pertinente por parte do administrador concursal, que marcará o devir da empresa. Os empregados seguen crendo que unha venta é a mellor das posibilidades.
A Xunta de Galicia, que achegou subvencións a Muebles Hermida a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), descarta mediar para corrixir o rumbo da empresa, tal e como pediron as tres formacións da corporación laurentina –PSdeG-PSOE, PP e BNG– ou partidos como En Marea.