O BNG reclama a “mediación urxente” da Xunta de Galicia na busca dunha “solución” que facilite a viabilidade de Muebles Hermida despois de que sindicatos e dirección da empresa fosen chamados a unha reunión o vindeiro venres, 3 de xaneiro. Os obreiros esperan que o administrador concursal da fábrica de mobles, en concurso de acredores desde comezos de decembro, presente o informe que xulgará se a firma é viable ou non queda outra opción que a liquidación.
O prazo para a presentación deste documento é dun mes. O administrador concursal, Javier Reigosa, foi designado o pasado 11 de decembro polo Xulgado do Mercantil de Lugo.
A formación nacionalista afirma facerse eco da “preocupación” dos preto de cen traballadores da empresa, que teñen pendente o cobro de catro nóminas e que “agardan con inquedanza” novas sobre o futuro de Muebles Hermida.
MOCIÓN NO PLENO PROVINCIAL
A situación pola que atravesa a empresa, “centro de traballo fundamental” para os concellos de Lourenzá e Mondoñedo, abordarase no último pleno provincial, que se celebra o vindeiro venres. A corporación debaterá unha moción impulsada polo BNG de Lourenzá que urxe ao goberno galego a buscar “unha solución” que facilite a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo, e que incide “na necesidade de axilizar os procedementos para que o cadro de persoal perciba os salarios pendentes”.
O BNG argumenta que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), principal acredor da empresa cunha débeda de 4,5 millóns de euros, debera “tomar cartas no asunto e garantir a actividade e os postos de traballo para non deixar morrer a empresa”.
A formación nacionalista lembra que esta é a segunda ocasión en menos de dez anos na que a empresa pasa por unha situación semellante –en 2011 presentou un ERE que reduciu o cadro de persoal á metade– e denuncia “o desamparo” dos traballadores fronte á empresa a pesar das importantes axudas públicas que ten recibido.
NADAL COMPLICADO
Os traballadores solicitaron ao Fondo de Garantía Social (Fogasa) o pago dos meses de setembro, outubro e novembro, e tramitarán o de decembro en xaneiro. Xa percibiron medio mes de agosto que asumiu a empresa, pero terán que agardar alomenos dous meses para cobrar o diñeiro solicitado a Fogasa.
O persoal está a afrontar un Nadal complicado, dado que o cobro de media nómina apenas alivia a situación económica duns obreiros con catro meses por percibir.