Representantes do sindicato que ostenta a presidencia do comité de Alcoa, Comisións Obreiras (CC OO), e das empresas auxiliares da multinacional, reuníronse na tarde deste xoves en Viveiro, xuntanza trala que ofreceron unha rolda de prensa na que reclamaron ao Goberno central a aprobación “inmediata” do estatuto das electrointensivas trala investidura, prevista para o 7 de xaneiro, e a Pedro Sánchez que “force” á compañía estadounidense a “non tomar decisións” que poñan en risco o emprego no complexo industrial de San Cibrao ata que non se estableza un novo marco enerxético.
O secretario da Federación de Industria de CC OO Galicia, Víctor Ledo, remarcou que o sindicato leva “máis dun ano pedindo ao Executivo medidas” para abaratar a luz ás empresas electrointensivas, que non se acometeron “unhas veces por ausencia de vontade e outras por falta de capacidade, ao haber Goberno en funcións”. Así, reclama unha “solución inmediata”, propósito co que os tres sindicatos maioritarios a nivel estatal –Unión General de Trabajadores (UGT), CC OO e a Unión Sindical Obrera (USO)– convocaron unha protesta conxunta en Madrid o 22 de xaneiro.
Ledo insistiu na necesidade de aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo, “acompañado” da “redución das peaxes, o aumento das compensacións por emisións indirectas de CO2, ou o fomento dos contratos bilaterais ou PPA”. A mobilización, que incluirá paradas ante o Congreso dos Deputados e o Ministerio de Transición Ecolóxica, servirá para esixir ao Executivo “ese paquete de medidas” pero tamén para recordarlle ao resto dos partidos que “adquiriron un compromiso” coa continuidade de Alcoa.
CRÍTICAS Á XUNTA
Neste senso, Ledo mostrouse crítico coa Xunta de Galicia, que “deixou de esixir compromisos de investimento, prometidos a este sindicato, que tiñan que ver co gas”, en alusión ao gasoducto da Mariña Lucense, e recalcou que “non hai ningunha Administración que non sexa culpable. Non aceptaremos un uso partidista” dun conflito laboral, asegurou, para agregar que as políticas industrias e enerxéticas requiren “dun pacto de Estado“.
MEDIDAS “DEFINITIVAS E URXENTES”
José Antonio Zan, líder da sección sindical de CC OO en Alcoa, demandou que se “cumpra a palabra dada” aos traballadores de San Cibrao, en alusión á visita da ministra de Industria, Reyes Maroto, á planta cervense, onde prometeu a aprobación do estatuto das electrointensivas en canto houbera Goberno.
Zan reclamou a Sánchez que “cumpra coa súa palabra e force a Alcoa a non tomar unha decisión que poña en risco os empregos de San Cibrao e ás 5.000 familias que viven directamente dela”. Un posible recorte suporía “devolver A Mariña Lucense a 1976”, considerou.
“Cremos que a saída está na mobilización; a industria debe dicirlle ao Goberno que ten que aplicar medidas definitivas e urxentes”, aseverou.
RECLAMAN EÓLICOS FLOTANTES NO CANTÁBRICO
Os sindicalistas fixeron fincapé na necesidade dunha transición ecolóxica “xusta”, na que a descarbonización se acompañe de medidas que sirvan para afondar nas enerxías renovables. “Temos a terceira corrente do mundo de aire, o mar Cantábrico, e está sen explotar. Estanse a montar eólicos mariños por todo o mundo, e nós non explotamos os nosos recursos”, lamentou Zan. Así, CC OO propón a instalación dun parque eólico-flotante nas augas da Mariña, que suporía “unha solución para a nosa industria, podendo alcanzar un acordo coas empresas e contratando directamente a liña. Xeraría emprego e baixaría o prezo da luz”, argumenta o sindicato.
MESA DE SEGUIMENTO: “ALCOA ANUNCIARÁ DECISIÓNS”
Zan tamén ofreceu unha aproximación á cantidade percibida por Alcoa na poxa de interrompibilidade. “Levamos en torno a 1,5 millóns de euros. Antes, a subasta descontaba do prezo da luz 17,5 millóns de euros cada seis meses, polo que a electricidade disparóusenos 16 millóns”, expuxo.
Os sindicatos siguen á espera dunha solicitude de reunión con Álvaro Dorado, presidente de Alcoa España. “Pero interésannos máis as reunións co Goberno, porque da empresa non podemos agardar certezas. O obxectivo é que o Executivo aprobe ese paquete de medidas”, indicou Ledo; “se é así e á multinacional lle parecen insuficientes, daquela será o momento de pedirlle explicacións”, concluíu.
Sobre a mesa de negociación polo futuro da planta convocada para o 15 de xaneiro, na que a multinacional estará, os traballadores esperan que Alcoa “diga como quedou a cuestión económica no 2019 e anuncie decisións de futuro. Por iso esiximos medidas con urxencia”, rematou Zan.
REUNIÓN COS SINDICATOS DAS AUXILIARES
O comité de Alcoa reunirase o vindeiro día 7 de xaneiro cos sindicatos das empresas auxiliares, que reclamaron voz no conflito laboral ao representar “a 800 traballadores” que dependen do complexo industrial de San Cibrao. O obxectivo, tomar medidas de forma conxunta.