O Concello de Cervo recibiu o terceiro galardón nos Premios á Dinamización Demográfica, impulsados pola Xunta de Galicia. Canda os municipios ourensáns de Parada de Sil e A Veiga, o municipio da Mariña Lucense foi distinguido por desenvolver un proxecto para asentar poboación e favorecer a economía local.
A Xunta outorgaralle a Cervo 12.500 euros por pór en marcha medidas como a rehabilitación de inmobles, a creación de espazos para novos emprendedores, a organización de encontros de dinamización empresarial, as axudas á escolarización ou bolsas de formación, as actividades de voluntariado cultural ou ferramentas de conciliación. Son todas elas iniciativas dirixidas a favorecer o asentamento de familias neste concello da Mariña.
Un total de 16 municipios galegos presentáranse a estes Premios, para os que a Xunta destinou 77.500 euros. O municipio da Veiga, que quedou en primeira posición, recibiu 40.000 euros, mentres que o de Parada de Sil fíxose con 25.000.