Durante a mañá deste xoves a frota asociada á Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP Lugo) e Armadores de Burela (ABSA) recibiu a visita dunha delegación de alumnos e profesores da Universidade Laboral da Coruña (IES Culleredo), froito do convenio formalizado para a formación dual de próximos titulados en ponte e máquinas.
O pasado mes de xuño 24 empresas formalizaron ditos convenios para a formación de 12 alumnos en cada módulo de Grao Medio de Navegación e Pesca de Litoral (ponte) e Grao Medio en Mantemento e Control de Maquinaria (máquinas), mediante o cal os alumnos poderán compatibilizar a súa formación teórica coas horas prácticas e conseguir a súa habilitación profesional máis rápido que na formación normal.
A visita consistiu nunha reunión entre as empresas armadoras firmantes dos convenios e os alumnos. Os estudantes tamén visitaron un barco de palangre de superficie (espadeiro) que realiza a súa actividade por augas do Atlántico Norte e un barco de palangre de fondo ou pincho, que captura pescada en augas europeas. E finalmente coñeceron por dentro o Barco Museo Reina del Carmen, antigo boniteiro e exemplo da frota de madeira dos anos 60.
O director do centro, Miguel Pena, explicou que “as clases teóricas finalizan en febreiro e os embarques están previstos entre mediados de marzo e finais de agosto. O que se pretende é conseguir o maior número de horas embarcados para que poidan exercer como oficiais o antes posible”.
O RELEVO, A MATERIA PENDENTE
A través deste convenio espérase conseguir un alto nivel de inserción dos alumnos no sector pesqueiro, para o que se pide colaboración aos armadores para facilitar a vida a bordo e a formación que teñen que recibir os alumnos durante o período de embarque.
Pola súa parte, os armadores presentes animaron aos mozos a se incorporaren ao sector, esperando que este período de navegación lles sirva para adaptarse e pasar a formar parte da frota. Como antigos alumnos de ponte ou máquinas, os armadores ven na formación dual unha forma de conseguir relevar as tripulacións e mellorar a continuidade na actividade pesqueira. Estas accións de formación inclúense dentro do plan da OPP Lugo para poñer en valor os oficios náutico-pesqueiros.