EFE. O presidente do comité de empresa da factoría da multinacional estadounidense do aluminio Alcoa en San Cibrao (Lugo), José Antonio Zan, confía en que nos próximos días o Goberno central aprobe un estatuto para rebaixar o prezo da enerxía á electrointensivas que garanta o futuro desa planta en Galicia.
En entrevista para Efe, Zan recoñeceu que os representantes dos traballadores “non teñen información algunha” respecto diso, máis aló das “declaracións que fixeron responsables do BNG e de Podemos, nas que aseguraron, este domingo, que a aprobación do estatuto era cuestión de días”.
Nese sentido, expresou a súa esperanza en que na próxima reunión do Consello de Ministros se aprobe ese estatuto específico para as empresas electrointensivas, de xeito que xa se dispoña del na reunión convocada o xoves, na que prevén participar representantes do Goberno central, da Xunta, a dirección de Alcoa e os sindicatos.
TRES AUTOCARES COMPLETOS
O texto “non foi no primeiro, non foi no segundo, esperamos que á terceira vaia a vencida”, dixo o presidente do comité, que lembra as numerosas promesas do Goberno de aprobalo, razón pola que o vindeiro mércores está convocada en Madrid, impulsada por CC OO e UGT, unha manifestación de traballadores de Alcoa e outras empresas electrointensivas.

Zan indicou que os convocantes esperan unha elevada participación e precisou que as reservas para tres autobuses fletados están completas e poderían contratar máis transporte esta semana.