O comité de Alcoa San Cibrao anunciou este xoves que se están a preparar novas mobilizacións para reclamar un abaratamento da enerxía que favoreza a continuidade da planta de aluminio, que a multinacional estadounidense pon en cuestión sen un abaratamento do prezo da enerxía.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, concreta que se traballa en dúas convocatorias. A primeira delas, na que traballan organizacións sindicais en aspira a ser un “gran encontro a nivel galego” para reivindicar “que teñamos unha industria produtiva e de calidade, que traia postos de traballo dignos e que ofrezan as cotizacións suficientes para ter un sistema social do benestar”.
Pola parte do organismo de representación dos traballadores do complexo industrial de Cervo, ultímase un acto reivindicativo que será presentado nunha rolda de prensa a vindeira semana. Zan non concreta por agora en que consistirá, pero a intención dos sindicatos é que sexa “algo importante e diferente” para visibilizar a situación da planta de aluminio, despois de que o exposto polo Goberno central na mesa de seguimento non satisfixese nin a Alcoa, nin á Xunta nin aos sindicatos.
As propias centrais, a través de senllos comunicados de prensa, foron quenes ofreceron a valoración de Alcoa, “moi enfadada” co Executivo segundo Zan. O pasado martes celebrouse o cuarto Consello de Ministros sen que se aprobase o estatuto do consumidor electrointensivo, o documento reclamado pola empresa para limar as diferenzas no tocante ao prezo da luz respecto de compañías doutros países europeos. Na súa visita a San Cibrao, a ministra de Industria, Reyes Maroto, comprometera a súa aprobación en canto houbese Goberno.