O comité do complexo industrial de Alcoa en San Cibrao anunciou este martes que o mércores, 26 de febreiro, fará unha manifestación en Lugo para reclamar un abaratamento da luz que favoreza a continuidade da planta de aluminio, posta en cuestión pola multinacional co actual prezo da electricidade.
Os traballadores partirán da estación de autobuses de Lugo ás 10.00 horas, para posteriormente finalizar a protesta diante da Deputación de Lugo. O comité de empresa fletará autobuses para acudir ao acto reivindicativo, e os interesados poderán informarse sobre horarios e realizar reservas no número de teléfono 982.55.55.09, coa extensión 1179.
Os sindicatos presentaron o pasado luns as súas alegacións ao borrador do estatuto das electrointensivas presentado polo Goberno central, que consideran “insuficiente” para rebaixar o prezo da enerxía eléctrica a un prezo que faga competitiva á industria do aluminio, un custo que cuantifican nos 40 euros/megavatio/hora.
O prazo para rexistrar reclamacións ao documento finaliza o vindeiro xoves, e malia que todo apunta a que Alcoa presentará as súas alegacións, a empresa non valorou aínda publicamente o contido do texto. Por agora, a dirección da compañía tampouco deu resposta á petición dunha reunión por parte das centrais sindicais.
A CAMPAÑA DE LAZOS AZUL ELÉCTRICO, A VIVEIRO
Antes da manifestación de Lugo, o vindeiro venres, os traballadores continuarán en Viveiro coa súa campaña de lazos azul eléctrico para visibilizar a situación da fábrica de aluminio sancibrense. Os empregados colocarán un símbolo no balcón do consistorio viveirense, así como recordatorios da súa problemática nos escaparates dos comercios e nos lugares máis concorridos.