InicioEconomíaA Xunta, voceira das empresas: esixe recoñecer ás hiperelectrointensivas e manter a...

A Xunta, voceira das empresas: esixe recoñecer ás hiperelectrointensivas e manter a interrompibilidade

O conselleiro de Economía fala de "visión compartida" coas firmas, que seguen sen pronunciarse publicamente sobre o estatuto, documento que segundo Conde "discrimina" a Galicia

Publicada o

- Advertisement -

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a “unidade clara e a visión compartida” entre a Xunta de Galicia e a industria electrointensiva á hora de presentar as alegacións ao borrador do estatuto do consumidor electrointensivo presentado polo Goberno central para que se poida establecer un prezo eléctrico competitivo. Así o manifestou logo de manter un encontro con representantes das principais empresas galegas deste sector.

Un día despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se reunise co comité de empresa de Alcoa San Cibrao, a quen comprometeu “unha fronte común” no Noroeste pola industria electrointensiva, o conselleiro de Economía avaliou coas empresas o documento. A conclusión, segundo Conde, é que o Goberno “perdeu máis dun ano” nun estatuto que “non dá resposta” ao que esta industria “precisa e demanda”.

“DISCRIMINACIÓN TERRITORIAL”

“Trátase de ter unhas medidas que realmente reflictan as necesidades que neste momento teñen as empresas, máis, nun contexto no cal o borrador nos pon nunha situación peor que a de partida”, argumentou. Segundo dixo, o escenario é peor porque “as empresas electrointensivas que máis axudas necesitan reciben menos e, ao mesmo tempo, ábrese a máis de 450 firmas que antes non estaban no sistema de consumidores electrointensivos para que se poidan beneficiar”.

Neste sentido, lamentou que, ao incrementar o número de posibles empresas beneficiarias, o Goberno “non estea a mostrar con Galicia a mesma sensibilidade que con outras comunidades como Cataluña e País Vasco, prexudicando ás industrias galegas que consomen máis electricidade”.

O conselleiro censurou que o Goberno estea a utilizar a política enerxética como “un instrumento de discriminación territorial” cando neste proceso de transición enerxética a prioridade ten que ser o emprego e dar resposta ás necesidades o sector. “O Executivo estalle dicindo un non á industria electrointensiva en Galicia e en España”, dixo, para sinalar que deixa de lado medidas que xa se están aplicando noutros países.

ALEGACIÓNS

Medidas como as que Galicia vai presentar como alegacións e que incidirán na necesidade de categorizar os consumidores electrointensivos incluíndo a figura do hiperelectrointensivo; en establecer medidas compensatorias en función da categoría do consumidor e compensacións polas emisións de indirectas de dióxido de carbono nos importes máximos previstos na normativa comunitaria; e, ademais, no mantemento do servizo de interrompibilidade, mecanismo cuestionado pola Unión Europea e pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) e que se estima chegou a beneficiar con 70 millóns anuais a Alcoa.

Fronte a isto, criticou que o borrador presentado polo Executivo central non recoñece a figura do consumidor hiperelectrointensivo, nin recolle descontos nas peaxes de transporte, nin a compensación do imposto de xeración e “tampouco garante a rebaixa do prezo eléctrico ata os 35-40 euros por megavatio/hora“.

As alegacións que vai presentar Galicia “cunha única voz”, proseguiu, son “previsibles, porque xa llas temos trasladado ao Goberno; realistas, porque buscan encontrar un prezo competitivo; e legais, porque son medidas que xa se están aplicando noutros países de Europa. É cuestión de vontade política”, dixo, e reiterou que de non ser incluídas no borrador do Estatuto, “faise inviable o sector”.

Nin Alcoa nin a Asociación de Empresas con Gran Consumo de Energía (Aege) se pronunciaron publicamente sobre o documento, polo que semella que a Xunta se erixirá polo de agora en voceira das mesmas e en ariete da presión que queren exercer sobre o Executivo central para que eleve as cantidades reservadas a axudas a fin de aliviar o prezo da electricidade.

OS OBREIROS RETOMARÁN O 26 AS PROTESTAS

O comité de empresa de Alcoa, pola súa banda, anunciou este martes que retomará as protestas para reclamar un abaratamento do prezo da enerxía eléctrica, que segundo a multinacional pon en risco a planta de aluminio, o 26 de febreiro en Lugo, cunha manifestación que partirá da estación de autobuses e rematará ante o Pazo de San Marcos, sé da Deputación.

FEIJÓO E CABALLERO POLEMIZAN POR ALCOA EN PLENA PRECAMPAÑA

Xunta e PSdeG-PSOE polemizaron este martes pola problemática de Alcoa. Despois de que Núñez Feijóo cualificase o estatuto das electrointensivas de “acta de defunción” da planta de aluminio, Gonzalo Caballero, aspirante socialista á presidencia do Goberno autonómico, tachou a Feijóo de “incendiario”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...