O alcade de Cervo, o popular Alfonso Villares, insistiu en reclamar á poboación da Mariña Lucense “que se poña en estado de alerta e se mobilice” para que o Goberno central redacte un estatuto das electrointensivas “que permita a Alcoa estar en igualdade de condicións coas súas empresas competidoras no resto de Europa“.
O rexedor cervense sostén que no borrador do estatuto presentado polo Goberno central, ao que Alcoa, os sindicatos e os Gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria presentaron alegacións, “faltan en torno a 50 millóns que antes viñan a parar á comarca” e insiste no argumento de que ese diñeiro “repártese entre o resto de empresas, principalmente ubicadas no País Vasco e Cataluña, que ademais non son electrointensivas. Eses cartos non son” da multinacional, dixo, “senón de todos os mariñaos, pois repecurten directamente en todas as familias da comarca”.
Villares remarcou que “xa non se trata dun tema fundamentalmente de Alcoa, pois Alu Ibérica, a empresa que se fixo cargo das plantas de aluminio de A Coruña e Avilés ven de anunciar que cos prezos establecidos con este estatuto é absolutamente imposible producir aluminio”.
O alcalde de Cervo concluíu que “no momento que se perdan os postos de traballo que agora mesmo forman Alcoa e as súas auxiliares, non só se verán afectadas as familias, senón que directa e indirectamente o impacto negativo se vai estender ata o resto de empresas da comarca, administracións públicas e servizos”.