O Boletín Oficial do Principado de Asturias (BOPA) informou este venres da presentación dun Estudo de Impacto Ambiental (EIA) para a apertura dunha canteira de filitas no concello de San Tirso de Abres.
O proxecto , promovido pola empresa Explotaciones del Eo S.L., sométese a información pública durante trinta días para que as persoas e entidades interesadas revisen e -no seu caso- presenten as observacións e alegacións que consideren oportunas.
Segundo detalla o informe, que pode consultarse no portal da Consejería de Empleo, Industria e Turismo, a compañía solicita autorización para a apertura dunha canteira a ceo aberto que afectaría uns 16.053 metros cadrados por riba de Naraído, no límite co concello de Trabada.
A compañía agarda extraer alí 41 mil toneladas de filitas (material de construción con características similares a lousa) nun periodo de explotación de dez anos.
Dacordo coa normativa, ademais da descrición exhaustiva da fase de construción e explotación, o documento presentado inclúe un plan de restauración da zona afectada para o que se fixa un orzamento de 54.250 euros.
A alcaldesa de San Tirso de Abres, Goretti Quintana, agarda que a canteira cree “postos de traballo e repercuta positivamente na economía da zona”. No entanto, aclara que a execución do proxecto está supeditada a informes e autorizacións sectoriais, aínda pendentes de resolver.