Por Twitter, como é habitual nestes tempos, nos que a rede social de microblogging gaña adeptos e cada vez máis se utiliza como canle de comunicación, o xefe de gabinete do Ministerio de Industria, Juan Ignacio Díaz Bidart, foi amosando ao longo dos últimos días a posición do Goberno central respecto dalgunhas das alegacións formuladas ao estatuto das electrointensivas, que sindicatos, comité de Alcoa, empresas e os Gobernos de Asturias, Galicia e Cantabria consideran “insuficiente” para garantir a continuidade de plantas como a de aluminio de San Cibrao.
Díaz Bidart pareceu pechar a porta cun tuit a unha das reclamacións máis insistentes no relativo a Alcoa, a de incluír no documento un recoñecemento -cos seus conseguintes beneficios- ás empresas hiperelectrointensivas, aquelas que máis electricidade consomen. Para a planta de aluminio cervense, que a multinacional ve “inviable” co actual prezo da luz, a enerxía eléctrica supón máis dun 40% dos seus gastos de produción.
El Estatuto #electrointensivo es necesario, pero tener una categoría de Hiperintensivos no lo permite la normativa #europea de #Competencia. La solución a las demandas del sector es un entorno europeo. Es lo que España solicitará a la comisión.
— Juan Diaz.Min (@Juan_mncotur) February 27, 2020
O xefe de gabinete do ministerio que dirixe Reyes Maroto asegura que a normativa europea da competencia “non permite” introducir no Real Decreto a mencionada categoría. Traballadores da industria pesada amosaron o seu disgusto coa apertura do borrador, que ofreceu a posibilidade de acollerse a unhas 600 empresas, polas aproximadamente 130 que participaban na poxa de interrompibilidade.
PIDE UNHA “POLÍTICA COMÚN” EN EUROPA PARA ESTAS EMPRESAS
Díaz Bidart insiste en que a “solución” ás demandas do sector “é unha contorna europea” e sinalou que o Executivo pedirá á Comisión Europea “unha política común” para as electrointensivas. Ademais, o Goberno solicitará a Bruxelas, afirma, que as border tax ou os axustes fiscais que se aplican cando un produto traspasa unha fronteira se configuren como unha medida conxunta ás compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2).
Con todo, despois de que o xoves da semana pasada finalizase o prazo de alegacións ao texto, o proceso segue aberto. Non hai prevista data para a resolución das alegacións, aínda que se espera que sexa a principios de marzo.
Mentres tanto os traballadores continúan os actos reivindicativos, despois da protesta que os levou a tomar durante media hora a Deputación de Lugo o pasado mércores. Do consistorio viveirense pendura un dos lazos de cor azul eléctrico cos que o comité quere reivindicar a difícil situación da fábrica de aluminio.
TOMÉ RECLAMA AO GOBERNO QUE CEDA
Trala protesta dos obreiros en San Marcos, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, remitiulle un escrito á ministra de Industria, Reyes Maroto, coas alegacións formuladas polos traballadores de fábrica de Alcoa na Mariña ao estatuto do consumidor electrointensivo “para que as tome en consideración”.
Segundo informou o goberno provincial mediante un comunicado, o presidente da Deputación cumpriu así “a palabra dada” ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao, despois do encontro que tivo esta mesma semana co seu presidente, José Antonio Zan.
Para dar fe do cumprimento dese compromiso, Tomé envioulle esta mañá ao comité copia do escrito enviado a Maroto.
LEA ENTRE PP E PSOE EN REDES SOCIAIS
Tamén en Twitter, e nun ambiente de precampaña electoral para os comicios autonómicos, o senador valadourense César Mogo (PSOE) e o deputado provincial Javier Jorge Castiñeira (PP) cruzaron acusacións a raíz da publicación dun vídeo no que o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, se refire á visita á planta de Cervo, no 2012, do daquela ministro popular José Manuel Soria, nun contexto similar.
Señor Mogo, con Soria no ministerio de industria Alcoa compraba enerxía un 40% máis barata que con vostedes, e senon preguntelle aos sindicatos que o mércores gritaban aos seus compañeiros de @depulugo “….Socialistas de Pacotilla.”
— Javier Jorge Castiñeira (@JavierJorgeCas2) February 28, 2020