InicioEconomíaO Goberno ve "fóra da normativa de competencia europea" a petición de...

O Goberno ve “fóra da normativa de competencia europea” a petición de recoñecer ás hiperelectrointensivas

Mentres segue pendente a resolución das alegacións ao documento das electrointensivas, o xefe de gabinete de Industria pecha a porta en Twitter a unha das reclamacións para Alcoa

Publicada o

- Advertisement -

Por Twitter, como é habitual nestes tempos, nos que a rede social de microblogging gaña adeptos e cada vez máis se utiliza como canle de comunicación, o xefe de gabinete do Ministerio de Industria, Juan Ignacio Díaz Bidart, foi amosando ao longo dos últimos días a posición do Goberno central respecto dalgunhas das alegacións formuladas ao estatuto das electrointensivas, que sindicatos, comité de Alcoa, empresas e os Gobernos de Asturias, Galicia e Cantabria consideran “insuficiente” para garantir a continuidade de plantas como a de aluminio de San Cibrao.

Díaz Bidart pareceu pechar a porta cun tuit a unha das reclamacións máis insistentes no relativo a Alcoa, a de incluír no documento un recoñecemento -cos seus conseguintes beneficios- ás empresas hiperelectrointensivas, aquelas que máis electricidade consomen. Para a planta de aluminio cervense, que a multinacional ve “inviable” co actual prezo da luz, a enerxía eléctrica supón máis dun 40% dos seus gastos de produción.

O xefe de gabinete do ministerio que dirixe Reyes Maroto asegura que a normativa europea da competencia “non permite” introducir no Real Decreto a mencionada categoría. Traballadores da industria pesada amosaron o seu disgusto coa apertura do borrador, que ofreceu a posibilidade de acollerse a unhas 600 empresas, polas aproximadamente 130 que participaban na poxa de interrompibilidade.

PIDE UNHA “POLÍTICA COMÚN” EN EUROPA PARA ESTAS EMPRESAS

Díaz Bidart insiste en que a “solución” ás demandas do sector “é unha contorna europea” e sinalou que o Executivo pedirá á Comisión Europea “unha política común” para as electrointensivas. Ademais, o Goberno solicitará a Bruxelas, afirma, que as border tax ou os axustes fiscais que se aplican cando un produto traspasa unha fronteira se configuren como unha medida conxunta ás compensacións por emisións indirectas de dióxido de carbono (CO2).

Con todo, despois de que o xoves da semana pasada finalizase o prazo de alegacións ao texto, o proceso segue aberto. Non hai prevista data para a resolución das alegacións, aínda que se espera que sexa a principios de marzo.

Mentres tanto os traballadores continúan os actos reivindicativos, despois da protesta que os levou a tomar durante media hora a Deputación de Lugo o pasado mércores. Do consistorio viveirense pendura un dos lazos de cor azul eléctrico cos que o comité quere reivindicar a difícil situación da fábrica de aluminio.

TOMÉ RECLAMA AO GOBERNO QUE CEDA

Trala protesta dos obreiros en San Marcos, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, remitiulle un escrito á ministra de Industria, Reyes Maroto, coas alegacións formuladas polos traballadores de fábrica de Alcoa na Mariña ao estatuto do consumidor electrointensivo “para que as tome en consideración”.

Segundo informou o goberno provincial mediante un comunicado, o presidente da Deputación cumpriu así “a palabra dada” ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao, despois do encontro que tivo esta mesma semana co seu presidente, José Antonio Zan.
Para dar fe do cumprimento dese compromiso, Tomé envioulle esta mañá ao comité copia do escrito enviado a Maroto.

LEA ENTRE PP E PSOE EN REDES SOCIAIS

Tamén en Twitter, e nun ambiente de precampaña electoral para os comicios autonómicos, o senador valadourense César Mogo (PSOE) e o deputado provincial Javier Jorge Castiñeira (PP) cruzaron acusacións a raíz da publicación dun vídeo no que o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, se refire á visita á planta de Cervo, no 2012, do daquela ministro popular José Manuel Soria, nun contexto similar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...