InicioEconomíaXestión pesqueira e consumo e comercialización protagonizarán as Xornadas Técnicas de Expomar

Xestión pesqueira e consumo e comercialización protagonizarán as Xornadas Técnicas de Expomar

A fundación quere atraer aos estudantes dos institutos ás conferencias, os días 28 e 29 de maio, para fomentar o coñecemento do sector pesqueiro entre a mocidade

Publicada o

- Advertisement -

O comité executivo da Fundación Expomar celebrou unha xuntanza nas últimas horas para continuar coa organización das Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial que se celebrarán os días 28 e 29 de maio. Na cita deste 2020, segundo precisou a organización, abordaranse temas como a xestión pesqueira actual e futura ou o mercado de consumo e a comercialización.

O alcalde de Burela e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, expuxo que “apostamos por estas datas para favorecer que veña a xente que vai participar nos debates e prexudicar o menos posible a outras feiras do sector como a que se celebra en Vigo. Non queremos coincidir no calendario con eventos do sector pesqueiro. As Xornadas Técnicas van ser os días 28 e o 29 pola tarde e o Encontro Empresarial vai ser o venres 29 pola mañá”, precisou. Por agora, indicou, non están concretados os poñentes desta edición, cuestión que se pechará “nas vindeiras semanas”.

O BREXIT, NO FOCO

Llano explicou que “este ano, por unanimidade, decidimos facer dous temas xenéricos de importancia fundamental para o sector. O primeiro é a xestión pesqueira actual e futura, o que vai dar lugar a tratar temas como o Brexit, vai haber xa moita normativa para esa data polo penso que vai ser unha cuestión determinante para tratar nestas Xornadas Técnicas. Outro tema que imos tratar é o ano 2020 que decidirá os grandes retos no sector pesqueiro na próxima década, é algo fundamental, que vai ocorrer coa pesca nos próximos dez anos, é un interrogante que nos gustaría que teña unha boa resposta para A Mariña Lucense e para Galicia. Ademais outro punto será as principais prioridades pesqueiras para a administración española, como está negociando na Unión Europea, todo isto é moi importante para o sector, sobre todo para ter claro como vai ser o desenvolvemento empresarial nos próximos anos”, expuxo.

MÁIS DE 26 EMPRESAS NO ENCONTRO DO SECTOR

O presidente da Fundación Expomar sinalou que “no Encontro Empresarial contamos con que estean máis de 26 representantes de diferentes empresas do sector pesqueiro, onde se analizará a problemática que se debe tratar con urxencia e necesidade. Ese día imos tratar tamén o mercado de consumo e comercialización. Dividirase nas tendencias alimentarias da xente en xeral, en particular de Galicia pero tamén de España, na visión europea dos mercados e tendencias dos consumidores europeos e na visión da evolución do consumo desde puntos de venta ata a importancia nutricional”, manifestou.

Llano adiantou que “xa temos apalabrado con moita xente que vai participar nestas xornadas e máis adiante faremos público quen vai participar nos diferentes debates. Tamén estamos pensando en como motivar que a xente en xeral, teña que ver ou non co sector, poida asistir ás xornadas técnicas, e para iso imos establecer contactos cos diferentes institutos da comarca para que a xente nova se motive e veña apreciar estas conferencias que penso que van ser moi importantes tanto para a economía e para a sociedade da comarca como para manter un sector vivo con moito porvir e con moita garantía de futuro”, concluíu.

PRODUART

Este ano non se celebrará a feira, bianual, pero ademais das Xornadas Técnicas e do Encontro Empresarial si se traballa na organización de Produart, “que nos parece moi importante e queremos procurar que vaia collendo dimensión co obxectivo de promocionar produtos de grande calidade que se produzan na nosa comarca cun cometido ecolóxico e medioambiental, polo tanto imos procurar facelo da mellor maneira posible”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...