InicioEconomíaOs sindicatos esixen ao Goberno "medidas efectivas e prazos" para a industria...

Os sindicatos esixen ao Goberno “medidas efectivas e prazos” para a industria electrointensiva

CIG, CC OO e UGT, que se concentrarán na Coruña o 11 de marzo, anuncian "novas e máis contundentes" protestas ante o "secretismo total" do Goberno sobre o estatuto

Publicada o

- Advertisement -

Os secretarios das federacións de Industria de CIG, UGT e CC OO compareceron en rolda de prensa este venres para esixir “medidas efectivas e un calendario de prazos” para a industria electrointensiva. As tres centrais sindicais convocaron unha concentración conxunta o vindeiro 11 de marzo, ante a Delegación do Goberno (A Coruña) ás 11.00 horas, como “inicio dun calendario de mobilizacións que terá continuidade nas próximas semanas “con novas e máis contundentes accións“.

Os tres sindicatos de maior afiliación en Galicia coincidiron en trasladar a súa “preocupación” pola “falta de avances nas medidas para a posta en marcha dunha tarifa industrial que reverta a grave crise que atravesan industrias electrointensivas e as ameazas continuadas aos empregos e á actividade produtiva”, como ocorre coa planta de aluminio de Alcoa, que a multinacional ve “inviable” sen un abaratamento da electricidade.

DENUNCIAN “OPACIDADE” DO EXECUTIVO

Xoán Xosé Bouzas Aboi, secretario nacional da CIG-Industria, denunciou o “secretismo total” do Goberno español co proxecto de estatuto electrointensivo, pois rematado o período de alegacións descoñécese se o  Ministerio vai incorporar ou non propostas, cales das ducias de alegacións se van ter conta ou os criterios polos que non se admitirán. Bouzas Aboi subliñou á enorme incerteza que xera que non haxa aínda un calendario fixado “o que na práctica fai que esteamos na mesma situación que hai un ano: anuncian que van sacar o estatuto pero non concretan datas”.

A opacidade chega ao punto, sinala a CIG, de que nin sequera se sabe se a norma se publicará como Real Decreto e polo tanto con aplicación inmediata ou se vai ser tramitado como Proxecto de Lei, atrasándose así a súa posta en marcha. “Os prazos son moi importantes, porque xa imos con moito atraso, hai meses que se deberían ter aplicado medidas para establecer a estrutura dunha tarifa industrial máis xusta, estábel e competitiva”.

Rolda de prensa dos sindicatos. AXM

MEDIDAS DEPENDENTES DA APROBACIÓN DOS ORZAMENTOS

Neste punto, o responsábel da Federación de Industria da CIG chamou a atención sobre o feito de que, tanto parte das medidas contempladas no proxecto de estatuto como as medidas complementarias propostas, dependen da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado, que a estas alturas “nin están elaborados nin teñen garantías suficientes de apoios no Congreso. É dicir, aínda que haxa estatuto, as medidas non terán aplicación real até que as contas de 2020 estean aprobadas”, alerta.

Os sindicatos insistiron en que o borrador do texto presentado polo Goberno central é “insuficiente” e reclamaron “medidas complementarias”, como a compensación no 100% da peaxe de transporte, asumindo este custo o sistema eléctrico, ou liberar a tarifa daquelas taxas que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico. Elevar ao tope permitido a contía para as compensacións indirectas por emisións de dióxido de carbono (CO2) é outra das reclamacións das centrais sindicais.

“Dende a CIG, o que percibimos do Goberno español é unha falta de interese por este tipo de industria e entendemos que se está preparando para encaixar o peor escenario: peches de empresas e destrución de emprego en zonas que non teñen outra alternativa industrial”, avanzou Bouzas Aboi.

OS OBREIROS DE ALU IBÉRICA: “ESTAMOS AGONIZANDO”

Trala rolda de prensa, máis dun centenar de traballadores da metalúrxica Alu Ibérica na Coruña, a antiga Alcoa, concentráronse para reclamar ao Goberno que atenda a súa demanda de “prezos de electricidade competitivos” no estatuto electrointensivo porque “estamos agonizando“.

“A necesidade é grandísima e o Goberno ten que poñernos ao mesmo nivel de competitividad que os nosos compañeiros de Alemaña, Francia ou Suecia, non pedimos nada a maiores, senón os mesmos mecanismos”, abunda o presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho (CC OO), en declaracións aos xornalistas ao comezo da mobilización.

O ALUMINIO PRIMARIO, MATERIAL “DE FUTURO”

Con 328 traballadores na Coruña e 286 en Avilés, Corbacho lembra que Alu Ibérica advertiu de que as medidas previstas no borrador de estatuto facían “imposible” producir aluminio primario en España, considerou que este estatuto non establece “medidas que realmente acaben co diferencial de custos eléctricos e permitan competir en igualdade cos productores da nosa contorna europea”.

En todo caso, o presidente do comité descartou que o fondo suízo Parter, que se fixo con ambas plantas de Alcoa o pasado verán co compromiso de manter o emprego e a actividade polo menos durante dous anos, se desenganche do acordo se este borrador non recolle as súas reclamacións “porque ten un acordo escrito e ten que cumprilo”.

No entanto, recordou a necesidade dese aluminio primario e aínda que asegurou que están producindo na Coruña cunha base importante de aluminio secundario, o primario hai que compralo fóra. Por iso, non entende que “sendo unha potencia nun material de futuro, non se apoie polo Goberno logo de tantas promesas”.

OS LAZOS AZUIS CHEGAN A BURELA

Os actos reivindicativos continuaron tamén na Mariña Lucense. Os traballadores de Alcoa San Cibrao colocaron lazos de cor azul eléctrico en distintos puntos da vila de Burela -despois de pasar por Xove, San Cibrao e Viveiro-, a fin de concienciar sobre o impacto na Mariña Lucense dun posible peche da planta de aluminio.

POLÉMICA NO PLENO DE FOZ

A polémica sobre Alcoa protagonizou o pleno de Foz, onde o PP abstívose respecto dunha moción presentada polo PSdeG-PSOE para que o estatuto das electrointensivas recollese as alegacións presentadas polos traballadores.

En palabras do alcalde, o socialista, Fran Cajoto, a posición dos conservadores “pon en relieve a frivolidade política do Partido Popular que cada día máis xente aborrece, cun problema tan sensible para Foz e toda a Mariña como é o futuro da factoría, e polo que eles nunca miraron”.
Desde o PP sinalaron que a moción “non protexía correctamente a posición que defenden conxuntamente os traballadores e os gobernos autonómicos de Galicia Asturias e Cantabria; máis ben defende unha futura decisión do Goberno socialista de non recoller no estatuto para consumidores electrointensivos a totalidade das alegacións presentadas”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...